RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
RCDEPORTIVO

Fernando Vidal, novo presidente do RC Deportivo

Fernando Vidal resultou elixido Presidente do RC Deportivo, o cuadraxésimo quinto nos 113 anos de historia do Club, tralas votacións realizadas na Xunta Xeral Extraordinaria de Accionistas celebrada esta tarde-noite en Palexco.

O Salón Arao do centro de convencións do porto coruñés acolleu a Xunta na que a directiva provisional presidida desde o 27 de decembro de 2019 por Juan Antonio Armenteros presentou a súa dimisión.

Pouco antes das 21:00 horas finalizaba o reconto de votos, que daba como gañador a Vidal, ante o cal se presentou a última hora Germán Rodríguez Conchado. Xunto a Vidal, foron elixidos os outros 7 membros da súa candidatura: Juan Antonio Armenteros Cuetos, José Luis Queijeiro Fuentes, Manuel José Vázquez Martínez, Federico García Poncet, Miguel Otero Santín, Argimiro Vázquez Guillén e Ricardo Javier González Fernández.

Fernando Vidal Raposo (A Coruña, 20 de agosto de 1962) foi deportista da sección de atletismo do RC Deportivo durante unha década, entre 1978 e 1988. Especialista en lanzamentos, e máis particularmente no de peso, proclamouse campión de Galicia da especialidade vestindo de branquiazul en 7 ocasións consecutivas, entre 1982 e 1988, ano da desaparición das seccións deportivas do Club. Recentemente estivo vinculado ao RC Deportivo formando parte do Consello de Administración entre o 22 de xaneiro de 2014 e o 2 de outubro de 2017.