RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Luisinho, branquiazul ata 2020

Luís Carlos Correia Pinto, máis coñecido como Luisinho (Porto-Portugal, 5 de maio de 1985), continuará dúas temporadas máis como futbolista branquiazul, ata a conclusión do exercicio 2019-2020, co que completará nada menos que sete cursos vestindo a camiseta do RC Deportivo.

Luisinho aterrou no Deportivo ao comezo da campaña 2013-2014, procedente do Benfica, cun contrato por tres temporadas. O seu debut oficial produciuse o 1 de setembro de 2013, na vitoria deportivista na Nova Creu Alta de Sabadell (0-3), na 3ª xornada do campionato de Segunda División.

O futbolista luso deu os seus primeiros pasos branquiazuis, con Fernando Vázquez como técnico, na posición de extremo esquerdo. Esta posición ocupouna, por exemplo, o 31 de maio de 2014, día no que o Deportivo batía ao Real Jaén en Riazor (1-0) para certificar o seu regreso á división de honra.

Na súa segunda temporada, a 2014-2015, con Víctor Fernández no banco, comezou actuando na banda esquerda do mediocampo para, co paso dos partidos, facelo na maior parte das ocasións como lateral. Esa demarcación tamén foi unha constante na carreira do portugués coa chegada de Víctor Sánchez do Amo. Pouco tempo antes da chegada do técnico madrileño, Luisinho ampliaba contrato por dous anos máis, ata xuño de 2018, malia que o equipo se atopaba na cola da táboa de Primeira División.

A campaña 2015-2016, coa chegada de Fernando Navarro, foi na que Luisinho gozou de menos oportunidades, unha tendencia que cambiou co novo curso, o 2016-2017. O portugués contou coa confianza tanto de Gaizka Garitano como de Pepe Mel.

Agora, no medio da súa quinta campaña no Dépor, Luisinho asina a súa continuidade por dúas temporadas máis, ata pouco despois do seu 35º aniversario. Ata hoxe, o xogador luso disputou 128 partidos coa elástica branquiazul (88 en Primeira, 32 en Segunda e 9 en Copa), nos que marcou 5 goles (1 en Primeira, 3 en Segunda e 1 en Copa), ademais de decenas de encontros amigables, entre eles o emotivo partido do pasado verán no que luciu o brazalete de capitán fronte ao equipo da súa cidade, o FC Porto.