11/04/2018 20:18 |
RCD / NOVAS
Mauro Silva non quere confianzas para a liga de Campións
Mauro Silva mostrouse hoxe prudente na valoración do sorteo de onte da liga de Campións. "Nunca se sabe o que pode pasar. Hai que afrontar a competición mentalizados e preparados", comentou un dos capitáns do equipo, quen toma como referencia á eliminatoria previa disputada recentemente polo Deportivo: "Xa vimos o que nos custou eliminar ao Rosenborg. O que si é unha satisfacción é ser cabeza de serie", comentou.
Para o internacional brasileiro, "é ilusionante seguir nesta
competición. Por iso, debemos estar preparados ao cento por cento, porque é
importante seguir adiante por prestixio, a nivel económico... Iso si, estou
convencido de que todos os grupos serán moi equilibrados, aínda que nós si
estamos convencidos das nosas posibilidades".
Pero antes, toca Liga en Zaragoza, o domingo ás 21.30
horas. "Sabemos que na liga, calquera equipo pódeche complicar", indica
Mauro, quen, no entanto, recoñece que A Romareda é un estadio que non se lle
dá nada mal ao Deportivo: "É un campo bo, o Zaragoza xoga ben ao fútbol
e normalmente está en boas condicións, o que pode permitir desenvolver un
gran xogo".
Recoñece Mauro que o partido chega nun bo momento, tras eliminar
ao Rosenborg na previa da liga de Campións: "Deunos moita
tranquilidade superar esta eliminatoria", aínda que vaticina unha Liga
española especialmente difícil este ano: "Vai ser unha competición moi dura.
Os equipos reforzáronse bastante e teremos que sufrir para sacar os
partidos adiante, sobre todo fóra do noso estadio".