RCD / NOVAS

Mella arrancou no once inicial de España sub-15 en San Pedro del Pinatar

30/01/2020 22:00

- Foto: www.sefutbol.com -

Dous canteiráns, Juan Rodríguez e Mella, están concentrados estes días coas seleccións españolas sub-18 e sub-15 respectivamente.

Juan Rodríguez suma xa 2 partidos na Copa do Atlántico e Mella debutou en San Pedro del Pinatar no once inicial ante a República de Irlanda.

Mella sae no once de inicio ante a República de Irlanda

David Mella está citado pola selección española sub-15 para disputar 3 encontros internacionais nas instalacións de Pinatar Arena, sitas na localidade murciana de San Pedro del Pinatar.

O primeiro deles foi hoxe xoves ante a República de Irlanda. O triunfo foi español (2-0), con Mella no once inicial. Foi relevado no descanso por Pol García, xa con 2-0 no marcador.

Este sábado (13:00 horas), o canteirán deportivista encara o seu segundo encontro, coa República Checa como rival.

Así, o combinado nacional que prepara Julen Guerrero ten este calendario de partidos:

Xoves 30 de xaneiro
ESPAÑA 2 - REPÚBLICA DE IRLANDA 0

Sábado 1 de febreiro
13:00: REPÚBLICA CHECA - ESPAÑA

Luns 3 de febreiro
16:00: ESPAÑA - PAÍSES BAIXOS

Mella concentrouse con España o pasado luns 27 de xaneiro. O dianteiro deportivista, que suma 8 goles en 18 partidos disputados esta temporada en liga, será baixa obrigada co Cadete A a próxima xornada, na súa visita ao Racing de Ferrol prevista para o sábado 1 de febreiro (10:15, A Gándara 1).

México, último rival de Juan Rodríguez mañá venres na Copa do Atlántico

O xuvenil Juan Rodríguez disputa con España sub-18 a 46ª edición da Copa do Atlántico, que se celebra na illa de Gran Canaria desde o pasado martes 28 de xaneiro.

A última cita da selección será mañá venres (18:30) fronte a México, no campo anexo ao Estadio Gran Canaria.

Onte mércores ante Xapón, segundo partido e segunda vitoria de España (2-0). O defensor deportivista disputou a segunda metade completa ao substituír a Jose Martínez.

O pasado martes, Eslovaquia foi onte o primeiro rival do combinado nacional no Municipal de Maspalomas.

Juan Rodríguez foi titular e xogou a primeira parte dun encontro que acabou con triunfo hispano (2-0). No descanso foi substituído por Gelardo.

O canteirán branquiazul ten este calendario de partidos no combinado que dirixe o exdeportivista Pablo Amo:

Martes 28 de xaneiro
ESPAÑA 2 - ESLOVAQUIA 0

Mércores 29 de xaneiro
ESPAÑA 2 - XAPÓN 0

Venres 31 de xaneiro
18:30: ESPAÑA - MÉXICO, no Anexo ao Estadio Gran Canaria

O regreso á Coruña será o sábado 1 de febreiro, co tempo xusto para a seguinte cita ligueira do Fabril, o domingo 2 de febreiro ás 17:00 en Abegondo ante o CD Arenteiro.