RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Moncho Regueira, ex xogador de Fabril, CD Juvenil e Deportivo e fiel patrocinador do Club, faleceu aos 86 anos

- Regueira, terceiro de pé pola esquerda, no once deportivista que xogou o Trofeo da Asociación da Prensa Compostelana ante o Racing de Ferrol en Santiago o 3 de xuño de 1956 -

Ramón Regueira Ramos (Laracha, A Coruña, 7 de xaneiro de 1935), xogador do Fabril, do CD Juvenil –entón filial branquiazul– e do Deportivo nos anos 50, faleceu onte mércores 15 aos 86 anos de idade.

Regueira pertenceu ao Deportivo durante catro temporadas, entre 1952 e 1956, pero xogou un só encontro oficial coa camiseta do primeiro equipo. Foi o 9 de maio de 1954 en Riazor fronte ao FC Barcelona, en partido de volta dos oitavos de final da Copa do Xeneralísimo. Regueira acababa de volver ao equipo despois dunha temporada cedido ao Caudal Deportivo de Mieres, en Segunda División, para cubrir a baixa de Luis Suárez, que precisamente acababa de fichar polo conxunto azulgrana. Regueira xogaba de interior esquerdo, de '10', como o único Balón de Ouro da historia do fútbol español.

Durante aquelas catro campañas alternou participacións co CD Juvenil, naqueles tempos filial deportivista, con diversos amigables co primeiro equipo. Ademais, no curso 1954-55 volveu ser cedido ao Caudal Deportivo de Mieres, novamente en Segunda División.

Moncho Regueira comezou a xogar ao fútbol nos Xesuítas de Vigo, onde ingresou interno con 9 anos. Xa de regreso á Coruña, xogou varios partidos no Huracán de Santa Lucía, de onde foi fichado polo Fabril con só 15 anos para xogar na Serie A Rexional. Nas filas fabrilistas debutou o mesmo día que Arsenio Iglesias e Carlos Torres, nun choque ante o Noia.

Tralo seu periplo deportivista, Regueira fichou polo Burgos CF xunto a outros dous deportivistas, Manín (polo servizo militar) e Lexo. Despois dunha temporada en Segunda División –categoría na que entre Caudal e Burgos sumou 38 partidos e 10 goles– tivo que incorporarse ao servizo militar e á finalización do mesmo xa non volveu xogar ao fútbol.

Poucos anos despois da súa retirada, en 1965, fundou a empresa Recambios Regueira, fiel patrocinador do RC Deportivo desde hai varias décadas.

O RC Deportivo quere transmitir as súas condolencias e mostrar a súa máis sentido e sincero pésame á familia Regueira, ex compañeiros e amigos. DEP.