RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA mantense invicto e na cabeza da clasificación

O deportivismo volveu responder con ilusión a un partido do Dépor ABANCA, enchendo por terceira xornada consecutiva as bancadas (e hoxe tamén en perímetro) do campo principal da Cidade Deportiva de Abegondo. Para buscar a quinta xornada invicto, Manu Sánchez apostou pola continuidade do once que na xornada anterior en Lezama asinou un partido de 3 puntos.

O partido empezou con claro e atractivo dominio branquiazul, que despregou un gran xogo combinativo mesmo dentro de área rival, que non acabou en ocasións claras polo denso armazón defensivo do Rayo Vallecano. Co paso dos minutos as visitantes fóronse asentando e a posesión equilibrando. Camiño do minuto 15 a colexiada do partido anulou un gol ao Raio por fóra de xogo previo e dous minutos despois Camila Sáez a punto estivo de anotar un tiro franco que se foi desviado por moi pouco. Foron os dous grandes sustos visitantes no partido.

O Dépor ABANCA tamén dispuxo das súas ocasións, como unha cabezada de Noelia Villegas ao saque dunha falta ou o disparo, un minuto despois, de Michelle Romero atallado en dous tempos por Larque.

Pasado o ecuador o partido foise pondo máis feo e trabado, con moito xogo no centro do campo e contundencia no choque por parte de ambos os equipos, castigado máis pola colexiada cara ao Dépor que cara ao Rayo. Cos primeiros cartóns pero sen ocasións claras nin goles chegouse ao descanso en Abegondo.

O segundo comezou cunha boa ocasión para o Dépor ABANCA. A estratexia funcionou co saque de Teresa dunha falta ao segundo pau que deixou de cabeza atrás para Peke que disparou raso preto do pau. Foi a antesala do gol, unha gran xogada por banda dereita de Cris e asistencia ao primeiro pau para que agora si, Peke, tocase con clase e suavidade o suficiente para bater por raso a Larque.

O Dépor ABANCA controlou desde ese momento moi ben o partido. As aproximacións rayistas eran ben liquidadas coas saídas de Misa e o bloqueo das centrais mentres que as locais elaboraban con paciencia os seus ataques. Un a punto estivo de supor o segundo nunha internada de Alba Merino, un balón pelexado e recuperado por Cris para ceder atrás onde atopou a Athenea, que case desde a frontal, estivo a piques de atopar portería.

Gaby puido matar o partido no minuto 82 cando Peke levou á defensa cara á esquerda para deixar soa á internacional venezolana que non estivo certeira coa dirección do disparo. A que non perdoou foi a seguinte, cun crebo perfecto en área pequena e gol por baixo das pernas da gardameta rayista. Foi o gol da tranquilidade.

As postrimerías do partido serviron para o debut en casa de Miriam en primeira Iberdrola e para o regreso após lesión de Maya Yamamoto, que o celebrou cun golazo no último instante da prolongación, batendo por arriba desde fóra da área a Larque.

Con golazo e festa nas bancadas acabou o partido que permite ao Dépor ABANCA manter a marcadora de derrotas a cero e durmir como líder en solitario da categoría á espera do que faga o domingo o Barça.

Deportivo ABANCA: Misa, Cris, María Méndez, Noelia Villegas, Nuria (Miriam, mon. 90), Teresa Abelleira, Iris, Merino (Maya, min. 79), Michelle Romero (Athenea, min. 46), Gaby (Kika, min. 87) e Peke
Rayo Vallecano: Larque, Guerrero, Pilar, Paula Andújar (Paula Fernández, min. 69), Sheila, Auñon (Ángeles min. 85), Oriana Altuve, Camila Saez, Eva Masdeu (Oviedo, min. 76), Bulatovic (Saray, min. 75) e Eva Alonso
Goles: 1-0 Peke (min 49); 2-0 Gaby (min. 84); 3-0 Maya (min. 90+4)
Árbitro: Peláez Arnillas (C. Castelán Leonés). Amoestou a María Méndez (min. 32) e Paula Andújar (min. 48)
Incidencias: partido da 5ª xornada de Primeira Iberdrola disputado na Cidade Deportiva de Abegondo enche ante uns 1.300 espectadores.