RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA perde o Teresa Herrera a mans do Athletic Club por segundo ano consecutivo (0-1)

O Athletic Club conquistou por segundo ano consecutivo o Trofeo Teresa Herrera feminino, que cumpriu a súa VI edición, ao derrotar ao Deportivo ABANCA pola mínima, repetíndose desta forma o resultado do torneo de 2017.

No minuto 10, a colexiada anulou un gol ao Athletic, obra de Erika Vázquez, por falta de Ane Azkona sobre Laura cando entraba ao remate no primeiro pau.

O Dépor achegouse aos dominios de Andere Leguina en dous saques de esquina. Pouco despois do tanto anulado, fíxoo nunha longa diagonal de Teresa que non atopou o remate de Michelle Romero por escasos centímetros.

Á saída dun novo córner, Teresa tentou sorprender á gardameta visitante cun disparo con rosca desde fóra da área. Andere Leguina atrapou o coiro a pesar de que ía axustado ao pau esquerdo da súa portería. Corría o minuto 24 de encontro.

Doce minutos máis tarde, Cris recuperou un balón preto da área vasca e soltou un duro dereitazo que a porteira visitante rexeitou a córner. No mesmo, Gaby gañou por alto ás súas rivais e cabeceou cara á portería, pero ás mans da gardameta.

A segunda metade arrancou con ambos os onces moi cambiados, con seis permutas en cada conxunto.

Aos dez minutos do segundo período, o Dépor ABANCA apertou un pouco o acelerador e conseguiu poñer a proba a Ainhoa Tirapu. Foi após dúas boas combinacións que concluíron con senllos disparos lonxanos de Kika e Peke: o primeiro a mans da porteira e o segundo lixeiramente desviado.

A mellor ocasión da segunda metade estivo nas botas de Leia Zárate, que rematou de primeiras un centro desde a dereita, no minuto 70. A pelota perdeuse moi preto do poste esquerdo da portería coruñesa, con Malena batida.

Non puido evitar o gol Malena no minuto 78, nun centro-chute de Eunate Arraiza que se coou entre varias defensas que non foron capaces de despexar a pelota e varias atacantes que buscaban o remate e tampouco o atoparon.

O Dépor ABANCA tratou de irse arriba para levar o encontro á quenda de penaltis, pero estivo a piques de encaixar, en senllos contragolpes, algún gol máis. No minuto 80, nun dereitazo de Ainhoa Vicente que rexeitou Malena a córner. No 89, nun disparo lonxano de Ane Azkona que se estrelou no traveseiro.

Deportivo ABANCA: Miralles (Malena, min. 46), Cris, Laura (Mérida, min. 46), Miriam, Patri Rúa (Raquel, min. 46), Alba Merino (Iris, min. 46), Teresa (Kika, min. 46) (Yamamoto, min. 76), Michelle Romero, Lea (Peke, min. 46), Érika (Nuria, min. 46) e Gaby (Ali Muñoz, min. 66).

Athletic Club: Andere Leguina (Ainhoa Tirapu, min. 46), Ainhoa Álvarez, Vanesa Gimbert (Andrea Sierra, min. 46), Marta Perea (Ainhoa Valdezate, min. 46), Oihane Hernández (Ainhoa Vicente, min. 46), Jone Ibáñez (Marta Unzué, min. 46), Damaris Egurrola (Garazi Murua, min. 46), Erika Vázquez (Nekane Díez, min. 46), Leia Zárate, María Díaz Cirauqui (Eunate Arraiza, min. 46) e Ane Azkona.

Gol: 0-1 Eunate Arraiza (min. 78).

Árbitro: Zulema González González (c. galego), auxiliada nas bandas por Tania Fente Tena e Eugenia Gil Soriano. Cartón amarelo a Erika Vázquez (min. 25) e Laura (min. 26)

Incidencias: final do VIN Trofeo Teresa Herrera feminino disputada no Estadio ABANCA-RIAZOR. Eunate Arraiza, autora do gol, foi elixida mellor xogadora do partido.