RCD / NOVAS

O Dépor ABANCA suma e segue ante o CD Tacón (3-1)

27/10/2019 14:15

O Deportivo ABANCA continuou a súa fenomenal xeira, ao sumar ante o CD Tacón a súa cuarta vitoria consecutiva, sexta en 7 partidos, mercé a un sensacional primeiro tempo no que pasou por riba do equipo madridista.

O partido arrancou coa tónica habitual en Abegondo, cun Dépor ABANCA sen complexos, mandando, practicamente monopolizando a posesión do balón e encerrando ao seu rival no seu propio campo.

Non transcorreran 2 minutos de xogo cando se produciu a primeira ocasión, na cabeza de Alba Merino, cuxa cabezada en prancha a centro de Gaby saíu demasiado centrado e Ana Vallés atrapouno con facilidade.

O Tacón achegouse por primeira vez aos dominios de Misa no minuto 12, nun libre directo lanzando por Asllani por riba do traveseiro.

No ecuador do primeiro tempo, o Deportivo ABANCA adiantouse no marcador. Un córner pechado por Teresa levouno ao fondo das mallas Gaby, cunha cabezada por riba de todas as defensoras do equipo madrileño.

Recentemente superada a media hora de xogo, as branquiazuis ampliaron a súa vantaxe após unha sensacional acción colectiva, cun pase en profundidade de Teresa Abelleira cara ao desmarque de Alba Merino. A estremeña superou a Ana Vallés, que quedou a media saída, cun sutil toque por encima.

Pouco despois, Cris estivo a piques de poñer o 3-0 cun potente centro-chute que se perdeu moi preto do pau dereito da portería visitante. Acto seguido, a colexiada anulou un tanto a Peke, soa ante a porteira madrileña após un pase de Alba Merino, por fóra de xogo.

Ao fío do descanso, si subiu ao marcador o 3-0. María Méndez remachou un balón solto na área na segunda xogada dun saque de esquina.

Tralo paso polos vestiarios, o CD Tacón realizou os seus dous primeiros cambios, buscando revulsivos. Con todo, o dominio seguiu correspondendo ao Dépor ABANCA. As xogadoras de Manu Sánchez gozaron de dúas boas ocasións nada máis comezar o segundo tempo. Unha internada de Cris que non rematou Athenea por moi pouco acabou en dous saques de esquina consecutivos. No segundo, María Méndez bateu no segundo pau ao lateral da rede do marco madrileño.

No minuto 52, unha gran triangulación entre Gaby, Athenea e Peke concluíu cun pase da morte da dianteira vasca. Ana Vallés desbaratou a ocasión anticipándose ao centro que buscaba á dianteira venezolana en boca de gol.

O Dépor dominaba e xeraba perigo constantemente. Un centro-chute de Teresa deu orixe a varios saques de esquina consecutivos. En dous deles, estivo colosal Ana Vallés, sacando senllas mans nunha cabezada de Gaby e un córner directo de Teresa nos que nas bancadas xa se cantaba gol.

Recentemente superada a hora xogo, Athenea roubou un balón a Kaci na frontal da área, nun saque de porta do conxunto madrileño. Pero a cántabra non definiu ante a saída da porteira visitante, que rexeitou o seu disparo.

Pouco despois, recortou distancias o Tacón, mediante unha cabezada de Chioma Ibogagu. Con este tanto, a xeira de imbatibilidade do Deportivo ABANCA quedou pechada en 410 minutos.

O equipo madrileño deu un paso adiante e empezou a achegarse aos dominios de Misa con maior asiduidade, como nun disparo cruzado de Jakobsson e nunha indecisión entre Iris e Misa que estivo a piques de aproveitar a autora do 3-1.

Con todo, o Dépor tivo dúas ocasións de liquidar o encontro ao contragolpe. Na primeira delas, Iris disparou frouxo após unha longa carreira. Na segunda, Peke centrou desde a liña de fondo, Samara desviou o coiro cara á portería pero o balón paseouse por toda a liña de gol sen que ninguén o empuxase ao fondo das mallas.

Peke tamén tivo a sentenza no minuto 88, pero de novo a gardameta visitante fíxose xigante na súa saída no man a man após un pase en profundidade de Teresa Abelleira.

Con este novo triunfo, as deportivistas seguen compartindo liderado da Primera Iberdrola co FC Barcelona, agora con 19 puntos despois de 7 xornadas.

Deportivo ABANCA: Misa, Cris, María Méndez, Noelia Villegas, Nuria, Iris, Teresa Abelleira, Alba Merino (Michelle Romero, min. 84), Gaby, Peke e Athenea (Maya Yamamoto, min. 74).

CD Tacón: Ana Vallés, Samara, Ainoa, Daiane (Ariana Arias, min. 82), Babett Peter, Patri Carballo (Malena Ortiz, min. 46), Lorena, Kaci, Jakobsson, Asllani (Gema Prieto, min. 86) e Jessica Martínez (Ibogagu, min. 46).

Goles: 1-0 Gaby (min. 22); 2-0 Alba Merino (min. 33); 3-0 María Méndez (min. 42); 3-1 Ibogagu (min. 65).

Árbitra: Arregui Gamir (c. vasco). Cartón amarelo a Ainoa (min. 61), Lorena (min. 61) e Kaci (min. 70).

Incidencias: partido da 7ª xornada da Primeira Iberdrola disputado na Cidade Deportiva de Abegondo ante uns 950 espectadores.

RCD / J7 Liga Femenina Iberdrola

  • María Isabel
  • Cristina Martínez
  • Nuria Rabano
  • María Méndez
  • Villegas
  • Ainize Barea
  • Alba M. (84')
  • Teresa Abelleira
  • Iris Arnaiz
  • Athenea (75')
  • Gabriela García

Suplentes

  • Laura Vázquez
  • Michelle Romero (84')
  • Maya (75')
  • Erika
  • Sullastres
  • Silvia Mérida
  • Kika Moreno
  • Ana
  • Daiane (83')
  • Babett Peter
  • Ainoa
  • Samara Ortíz
  • Jessica Martínez (46')
  • Kaci
  • Patricia Carballo (46')
  • Lorena Navarro
  • Asllani (86')
  • Jakobsson

Suplentes

  • Sara Ezquerro
  • Gema Prieto (86')
  • Malena Ortíz (46')
  • Esther Martín-Pozuelo
  • Chioma Ubogagu (46')
  • Marina Martín
  • Ariana Arias (83')

Estadio

Abegondo

Goles

  • 1-0 (22'). Gabriela García
  • 2-0 (33'). Alba M.
  • 3-0 (42'). María Méndez
  • 3-1 (66'). Chioma Ubogagu

Árbitro

amoestou aAinoa (61'), Lorena Navarro (62'), Kaci (70') do CD Tacón.