RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor arranca a pretemporada o luns 18 de xullo en Abegondo

O Deportivo iniciará a pretemporada o vindeiro luns 18 de xullo na Cidade Deportiva de Abegondo.

Os futbolistas branquiazuis terán que presentarse nas instalacións branquiazuis a partir das 8.00 da mañá para ser sometidos ao exame médico clásico da volta das vacacións de verán, incluída unha proba analítica.

A continuación, os xogadores recibirán a benvida a cargo do técnico Borja Jiménez, paso previo ao comezo do primeiro adestramento sobre o céspede, que está previsto ao redor das 10:30 horas.

"A idea da parcela deportiva é darlle continuidade e potenciar o proxecto que se iniciou a temporada pasada", manifestou onte en rolda de prensa o Presidente do Club, Antonio Couceiro.

Segundo o calendario de Primera RFEF aprobado pola Comisión Delegada da Asemblea Xeral da RFEF, o Dépor arrancará a liga a última fin de semana de agosto, concretamente o domingo 28; e concluirá o 28 de maio de 2023.

Ao recuperarse o playoff de ascenso a ida e volta, as datas elixidas son 4 e 11 de xuño para as semifinais; e 18 e 25 de xuño para as finais.

A eliminatoria entre os campións dos dous grupos, xa ascendidos a Segunda División, co obxecto de dirimir o campión da categoría será tamén a ida e volta o 4 e 11 de xuño.

En canto á composición da Primera RFEF para o curso futbolístico 2022-2023, os 40 clubs participantes decidiron como quedan configurados os dous grupos, mediante unha votación telemática.

O sistema de competición volverá establecerse a través de dous grupos de 20 equipos cada un, en formato ligueiro a ida e volta e con senllos postos de ascenso directo reservados para os campións de cada un dos dous grupos.

O RC Deportivo quedou integrado no grupo 1° cos clubs galegos (Racing de Ferrol, Pontevedra CF e RC Celta B); castelán-leoneses (CyD Leonesa e Unionistas de Salamanca CF); madrileños (AD Alcorcón, CF Fuenlabrada, CF Rayo Majadahonda, DUX Internacional de Madrid, Real Madrid Castilla e UD San Sebastián de los Reyes); estremeños (AD Mérida e CD Badajoz); andaluces (Algeciras CF, Córdoba CF, Linares Deportivo, RB Linense e San Fernando CDI); ademais do AD Ceuta FC.

A composición ten carácter provisional á espera da inscrición definitiva dos equipos.