RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor cae en primeira rolda de Copa (2-0)

A Copa del Rey 22-23 arrincaba para o Dépor no Municipal Luis Ramos de Guijuelo, campo coñecido en liga hai un par de temporadas e que nesta ocasión acollía outro tipo de encontro. Por iso Óscar Cano apostou pola rotación completa do once inicial fóra de Diego Villares. Desgraciadamente, o centrocampista vilalbés foi o primeiro en abandonar o terreo de xogo no minuto 22, lesionado, para deixar o seu sitio a Brais Val e facer que o Dépor afrontase a segunda metade do primeiro tempo cun once completo con xogadores que non foron titulares en Alxeciras e algúns deles que habitualmente compiten co Fabril.

O Dépor entrou enchufado ao partido, pero sen demasiada profundidade, polo que foi o Guijuelo o primeiro en ter unha ocasión. Coque obrigou a intervir a Pablo Brea no minuto 5 despois de que a posesión fose branquiazul desde o arranque. O gardameta local tamén tivo que actuar na resposta Deportivista a esa primeira chegada por mediación de Kuki Zalazar nunha oportunidade que acabou en córner. Foi practicamente a única ocasión do Dépor no primeiro tempo. Coque ao lateral da rede ou desviado nun intento de vaselina, tentouno de novo para marcar o primeiro. Un gol que tampouco chegou a centro de Trilli que non puideron rematar na frontal da área pequena nin Gorka nin Zalazar.

Após o descanso, de novo Coque obrigou a estirarse a Pablo Brea. O rexeite non foi aproveitado por ningún compañeiro e Víctor Narro acabou despexando o perigo. O partido seguiu polos mesmos camiños que na primeira parte. Ritmo baixo e sen chegadas claras por ningún bando. Ata que o Guijuelo desfixo a igualdade nun balón recibido en curto por Carmona que a acomodou para rematar, moi tocado co interior, desde a frontal e bater preto do recanto a Pablo Brea. Case na xogada seguinte, á saída dun córner, o balón peiteado por Kuki Zalazar foise directo ao fondo da portería para sentenciar o partido e a eliminatoria, aínda que o Dépor non se entregou. Antes, un paradón de Pablo Brea a remate de Perea de socato na área pequena. Despois, Trilli puido anotar ao rematar de volea nun córner botado por Yeremay, pero Roberto evitouno sobre a liña de gol.

No últimos dez minutos o Dépor aumentou a presión arriba seguiu buscando o gol, pero sen inquietar realmente a un Guijuelo que celebrou como merece a clasificación para a segunda rolda dunha Copa del Rey que para o Dépor xa é historia, sen historia.

CD Guijuelo: Roberto, Davo (Piojo, min. 78), Trapero, Aixpiri, Pepe Carmona (Garban, min. 80), Cristóbal, Willy, Perea, Toti, Álex (Caramelo, min. 83) e Coque.

RC Deportivo: Pablo Brea, Trilli, Puerto (Antoñito, min. 76), Dani Barcia, Retu, Álex Bergantiños, Diego Villares (Brais Val, min. 21), Víctor Narro (Quiles, min. 76), Kuki Zalazar, Yeremay Hernández e Santamaría.

Goles: 1-0 Carmona (min. 69); 2-0 Zalazar -pp- (min. 72)

Árbitro: Sánchez Sánchez (c. Estremeño). Amoestou a Davo (min. 28), Álex Bergantiños (min. 30), Cristóbal (min. 32), Roberto (min. 66), Barcia (min. 85)

Incidencias: partido da primeira eliminatoria da Copa del Rey disputado no Estadio Municipal Luis Ramos. Cheo.