RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor tamén remonta para levantar o Teresa Herrera por 24ª vez (4-2)

O Deportivo impúxose ao FC Metalist Kharkiv para conquistar un LXXVII Trofeo Teresa Herrera que se puxo costa arriba nos primeiros vinte minutos, pero que deixaron na Coruña un hat-trick de Alberto Quiles e un golazo de Víctor Narro.

Os branquiazuis comezaron dominando até o punto de case cantar gol no minuto 6, nun centro raso desde a dereita de Antoñito ao que non chegou por milímetros Santamaría. Na segunda acción, Isi Gómez acabou rematando ao lateral da rede.

Non tardou en reaccionar o FC Metalist Kharkiv, cun remate de socato de Bagachansky ante o que reaccionou pleno de reflexos Mackay para rexeitar a córner. Nada puido facer o porteiro coruñés cinco minutos despois, cando un centro desde a esquerda do ataque ucraíno levouno ao fondo das mallas cunha cabezada inapelable no segundo pau o ex fabrilista Yevhen Pidlepenets.

Despois de que Mario Soriano, no minuto 19, puxese a proba a Rybka cun dereitazo raso que rexeitou con dificultade o porteiro ucraíno, chegou o 0-2, nun veloz contragolpe levado por Kartushov que acabou culminando cunha cabezada en prancha no segundo pau, de novo, Pidlepenets. Tankovsky puido abrir aínda máis brecha no minuto 24, cando quedou man a man con Mackay despois dunha veloz internada de Pidlepenets, pero o porteiro herculino evitou o tanto cunha gran intervención.

Esa acción foi o punto de inflexión do partido, xa que a partir de entón o Deportivo fíxose co mando do partido, empezou a acumular ocasións e acabou igualando a contenda antes do intermedio. No minuto 29, Rybka tapou un remate, desde unha posición un tanto escorada, de Rubén Díez. No 31, Jaime non puido precisar un remate no segundo pau á saída dun córner, pois impactou no esférico coa coxa dereita. Aos 35 minutos produciuse unha cabezada alta de Santamaría a centro de Víctor Narro. Dous despois, un balón en profundidade de Víctor Narro pola esquerda atopou a Rubén Díez, que volveu ver como Rybka tapáballe o camiño do gol. Santamaría cabeceou de novo no minuto 39, esta vez nun córner lanzado por Mario Soriano, á dereita da portería ucraína e un minuto despois chegou o 1-2. Soriano caracoleou na frontal da área e cedeu para Quiles, que co seu pé esquerdo colocouna pegada ao pau dereito.

No tempo engadido da primeira metade, Quiles devolveu o equilibro ao marcador. Un centro por baixo de Antoñito controlouno o máxino goleador da pasada campaña, que esta vez coa dereita púxoa lonxe do alcance de Rybka, preto do poste esquerdo.

Na segunda metade, os branquiazuis atoparon un filón pola banda esquerda, coa conexión entre Víctor Narro e Rubén Díez. O mallorquino protagonizou unha fantástica acción individual no minuto 51, índose por velocidade e habilidade de todo o que lle saíu ao paso polo extremo esquerdo. O seu centro á área atopou a Mario Soriano no punto de penalti, o madrileño cedeu á dereita para Quiles e o seu zurdazo repeleuno Rybka.

Nada puido facer o gardameta visitante no minuto 57, cando foi batido por Quiles, que completou deste xeito o seu hat-trick, desde o punto de penalti. O colexiado castigou con pena máxima unha man de Kaplienko que cortou un duro disparo de Rubén Díez desde 25 metros.

No minuto 60 foi outra vez Rubén Díez quen tivo a opción de perforar a meta rival. Foi noutra acción similar ás anteriores, na que o maño se atopou novamente cun acertado Rybka. Víctor Narro si atopou portería catro minutos máis tarde, despois de recortar cara a dentro no extremo esquerdo e coa súa perna dereita colocar a pelota na base do pau oposto.

Rubén Díez gozou doutra oportunidade máis no minuto 75, cando empalmou ao botepronto un centro de Antoñito e a pelota foise lamiendo o pau esquerdo. Con dous goles de vantaxe, os minutos finais xa foron carne sen ósos para un Deportivo no que volveu ter minutos Trilli, que non saltaba ao terreo de xogo desde fai cinco meses.

Deste xeito, o Dépor conquistou o trofeo amigable de fútbol máis antigo do mundo por 24ª vez nas súas 44 participacións ao longo das 77 edicións disputadas até hoxe.

RC Deportivo: Mackay, Antoñito (Trilli, min. 76), Lapeña (Borja Granero, min. 76), Jaime, Retu (Víctor Narro, min. 31), Isi Gómez (Jairo, min. 79), Álex Bergantiños, Quiles (Yeremay Hernández, min. 79), Mario Soriano, Rubén Díez e Santamaría.

FC Metalist Kharkiv: Rybka, Romaniuk, Mizuk (Avramenko, min. 46), Porokh (Fedoriv, min. 46), Kaplienko (Shopin, min. 81), Panasenko (Knysh, min. 62), Raliuchenko, Tankovsky (Kaidalov, min. 81), Pidlepenets (Pambou-Loembet, min. 62), Bagachansky (Riazantsev, min. 46) e Kartushov (Chidomere, min. 81).

Goles: 0-1 Pidlepenets (min. 13); 0-2 Pidlepenets (min. 20); 1-2 Quiles (min. 40); 2-2 Quiles (min. 45+1); 3-2 Quiles, de penalti (min. 57); 4-2 Víctor Narro (min. 64).

Árbitro: Daniel Pastoriza Iglesias (c. galego). Cartón amarelo a Quiles (min. 42).

Incidencias: partido correspondente ao LXXVII Trofeo Teresa Herrera disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 5.175 espectadores. Alberto Quiles recibiu o Trofeo Estrella Galicia ao mellor xogador do partido.