RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O UD Granadilla Tenerife leva o VII Trofeo Teresa Herrera feminino (1-5)

O UD Granadilla Tenerife demostrou o porqué da súa cuarta posición na última edición da máxima categoría do fútbol feminino español impóndose ao Deportivo ABANCA no partido correspondente ao VII Trofeo Teresa Herrera de fútbol feminino.

Arrancou con forza o conxunto tinerfeño, que non desperdiciou as súas tres primeiras ocasións para abrir unha brecha no marcador practicamente insalvable cando aínda quedaban tres cuartos de encontro.

Primeiro, no minuto 17, María José remachou no primeiro pau un servizo desde o extremo dereito. Sullastres non puido facer nada ante o seu duro remate por alto.

Cinco minutos despois, a propia María José peiteaba unha falta lateral para bater por segunda vez á gardameta deportivista.

No minuto 25 chegou o 0-3, nun durísimo remate de Raissa desde a frontal da área, onde empalmou un balón solto chegando desde atrás.

O Dépor ABANCA tirou de orgullo e de toque para equilibrar a balanza no futbolístico. As xogadoras de Manu Sánchez comezaron a tocar e tocar e, con iso, merodear a área visitante con frecuencia.

Froito diso chegaron os primeiros disparos a porta das branquiazuis, en accións da debutante Athenea, Iris e Cris. A mellor ocasión produciuse no minuto 41, cando Alba Merino non chegou por pouco a un pase da morte de Gaby, con Aline Reis lanzándose aos seus pés.

A segunda metade comezou cun Dépor máis consistente, que xa o tentou por medio de Teresa Abelleira no minuto 49. As canarias contragolpearon con perigo no minuto 60, pero Tata non chegou para empuxar a porta baleira un centro desde a dereita que superara a Misa.

Un minuto máis tarde recortaba distancias o Deportivo ABANCA. Alba Merino enganchou unha volea desde 25 metros que, cunha enorme parábola, superou calquera opción de estirada da porteira brasileira do cadro tinerfeño. Un auténtico golazo da mediocampista estremeña.

Con todo, o UD Granadilla Tenerife conseguiu dous novos goles, case consecutivos, en disparos igual de imposibles para calquera esforzo de Misa. O primeiro, no minuto 72, obra de Tata, cunha fina vaselina. O segundo, dous minutos despois, por medio de Silvia Doblado, con outro zapatazo lonxano.

Deportivo ABANCA: Sullastres (Misa, min. 46), Cris, María Méndez, Villegas, Patri Díaz (Teresa Abelleira, min. 46), Yamamoto (Kika, min. 62), Iris, Michelle Romero (Peke, min. 62), Alba Merino (Érika, min. 70), Athenea (Patri López, min. 70) e Gaby (Alba Suárez, min. 70).

UD Granadilla Tenerife: Aline Reis, Aleksandra (Cindy García, min. 46), Jujuba (Natalia, min. 46), Patri Gavira, Pisco, Eva Llamas, Raissa, Koko (Martín-Prieto, min. 46), Silvia Doblado, Joyce Borini (Tata, min. 46) e María José (Ana González, min. 68).

Goles: 0-1 María José (min. 17); 0-2 María José (min. 22); 0-3 Raissa (min. 25); 1-3 Alba Merino (min. 61); 1-4 Tata (min. 72); 1-5 Silvia Doblado (min. 74).

Árbitra: Beatriz Cuesta Arribas (c. galego). Cartón amarelo a Alba Merino (min. 21).

Incidencias: partido correspondente ao VII Trofeo Teresa Herrera de fútbol feminino disputado no Estadio Municipal ABANCA-RIAZOR. María José, do UD Granadilla Tenerife, recibiu o trofeo á Xogadora Estrella Galicia do torneo.