RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Xuvenil A encoméndase a #ANOSAFORZA para superar ao FC Dynamo Kyiv e seguir facendo historia en Europa

O Xuvenil A encoméndase mañá mércores 9 de febreiro (19:00 hores, #Vamos por Movistar+) á maxia de ABANCA-RIAZOR para superar, a partido único, ao FC Dynamo Kyiv e acceder á seguinte rolda da UEFA Youth League.

Nas dúas anteriores eliminatorias, o vixente campión de España apeou ao MKS Pogoń Szczecin e ao Maccabi Haifa FC co apoio de #ANOSAFORZA, alento que deu a volta a toda Europa: 4-0 fronte aos polacos e 5-1 ante os israelís en #ANOSACASA, goleadas que valeron o pase en contraste coas discretas actuacións en Polonia (3-0) e Israel (3-0). "É fundamental. Empúxanos sempre e mañá ímolos a necesitar para un partido que vai ser máis pechado que contra os outros rivais e mellor. Necesitámolos para poder pasar esta eliminatoria", comentou esta mañá Manuel Pablo na sala de prensa da Cidade Deportiva.

O técnico deportivista poderá contar para esta histórica cita con futbolistas que toda a temporada adéstranse e xogan co primeiro equipo ou co Fabril, caso de Noel, Yeremay, Juan Rodríguez, Dani Barcia, Nájera ou Brais Suárez. Mesmo estará dispoñible David Mella, citado pola selección española sub-17 para disputar un torneo no Algarve do 11 ao 15 de febreiro. Inicialmente o canteirán branquiazul tiña que incorporarse onte luns 7 de febreiro á concentración do equipo nacional, pero finalmente o Club logrou reter ao atacante deportivista até o xoves 10, concluído o choque ante o FC Dynamo Kyiv.

O que non está entre os convocados é outro xuvenil, Trilli, porque "xa sabedes que Víctor (no primeiro equipo) está lesionado e agora mesmo só está el para ese posto (lateral dereito)", explicou Manuel Pablo aos medios de comunicación.

Pola súa banda, o FC Dynamo Kyiv, chegou o pasado domingo pola tarde á Coruña.

O conxunto ucraíno, que montou o seu cuartel xeral no Hotel AC, adestrouse onte luns e hoxe martes 8 na Cidade Deportiva de Abegondo.

O FC Dynamo Kyiv ocupou a segunda posición do grupo E da Ruta Champions League, por detrás do SL Benfica portugués e por diante dos dous grandes favoritos a priori, o FC Barcelona, subcampión de España após perder a final ante o Dépor (3-1), e o FC Bayern München alemán.

O equipo ucraíno gañou os seus dous primeiros encontros por goleada: 4-0 aos portugueses e 0-4 en Alemaña, para despois empatar en Barcelona (0-0) e a continuación golear aos azulgrana no seu Stadion Dynamo Valeriy Lobanovskiy (4-1). Cun novo triunfo ante os bávaros (2-1) e a súa única derrota, en Lisboa (1-0), pecharon a fase de grupos na segunda praza con 13 puntos, polos 15 do SL Benfica, os 4 do FC Barcelona e os 3 do FC Bayern München.

Con 5 tantos, a senegalés Samba Diallo foi o seu máximo goleador na fase de grupos. Volodymyr Brazhko, autor de dous goles de penalti, está sancionado despois de ser expulsado por dobre cartón amarelo en Lisboa.

O FC Dynamo Kyiv gañou o campionato ucraíno sub-19 en cinco das oito temporadas en que se disputou, desde 2012, e ía líder durante a campaña 2019-2020 cando tivo que ser suspendido pola pandemia de COVID-19. O curso pasado foi subcampión por detrás do FC Shakhtar Donetsk. Kiril Popov, que continúa no equipo, foi o máximo anotador do campionato con 19 goles.

#ANOSAFORZA mobilizouse para o choque e o Club xa despachou unhas 19.000 entradas... E mantén activa a súa distribución.

Todas as socias e socios do Deportivo poderán dispoñer de entrada gratuíta para o partido, que será obrigatoria para acceder ao Estadio, non sendo posible empregar o carné para o acceso. Todas aquelas persoas abonadas que desexen retirar unha localidade de calquera das bancadas habilitadas e escoller a súa entrada correspondente en bancada.rcdeportivo.es.

A través desa páxina, após identificarse co seu ID de socia/o e os 4 últimos números do DNI, a persoa abonada poderá seleccionar calquera asento dispoñible –marcado en verde na aplicación– que desexe escoller para a súa entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única persoa pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos próximos.

Se non se ten carné do Dépor e quérese asistir ao partido tamén é posible comprar entradas. O prezo único é de 5 euros. A compra de entradas para o partido realízase tamén a través da páxina bancada.rcdeportivo.es.