RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Remontada nunha noite máxica en ABANCA-RIAZOR (4-0)

O Dépor estará na segunda rolda da UEFA Youth League despois de dar a volta á eliminatoria fronte ao MKS Pogoń Szczecin que viu como os branquiazuis culminaban a remontada no tempo engadido da segunda metade.

O campión polaco chegaba a ABANCA-RIAZOR cunha suculenta vantaxe de tres goles, que o Deportivo igualou xa antes do descanso despois dunha sensacional primeira metade. O tanto definitivo asinouno Padín xa pasado o minuto 90.

#ANOSAFORZA respondeu á chamada, acudindo a ABANCA-RIAZOR nun número próximo aos 9.000 afeccionados, e #ANOSACANTEIRA devolveu o seu apoio con fartura desde o asubío inicial. O Deportivo foi un vendaval que abriu o ferrollo polaco aos dez minutos e pouco máis aló da media hora xa equilibrara a balanza.

A presión e o ritmo altos que os branquiazuis imprimiron ao seu xogo desde o inicio propiciou, no minuto 5, un roubo en tres cuartos de cancha que culminou Nájera cun dereitazo que repeleu o traveseiro. No minuto 11, o Deportivo abriu o marcador. Bialczyk introduciu o balón na súa propia portería ao tentar despexar un pase da morte de Rubén, lanzado por Mella polo extremo dereito.

Co resultado a favor tan cedo, os pupilos de Manuel Pablo trataron de madurar máis os seus ataques. Froito diso, no minuto 24 Mella dispuxo dunha clara ocasión para ampliar a vantaxe. O extremo esquerdo bateu fóra no segundo pau chegando desde atrás un centro de Nájera desde o extremo dereito. Dous minutos máis tarde, Nájera dispuxo doutro remate en acción similar á do disparo ao traveseiro, pero nesta ocasión repeleu o coiro o central Magnuszewski.

O segundo tanto chegou no minuto 28. Mella rompeu o fóra de xogo, plantouse só ante Lukasz Legowski e disparou ao pau. O rexeite caeulle preto da liña de fondo, desde onde serviu con sangue frío ao punto de penalti para que Víctor batese de novo o portal polaco.

O 2-0 enfureceu ao Pogoń Szczecin, que uns segundos máis tarde dispuxo da súa primeira oportunidade. Brais Suárez estivo atento para rexeitar un disparo de Lukasiak desde a frontal. Nájera de novo foi protagonista no minuto 35, cando dobrando a Nacho quedou co balón após un recorte do lateral pero enviou a pelota por riba do traveseiro. Tanto foi o cántaro á fonte que Nájera atopou o seu premio pouco despois, no minuto 36. O mediapunta remachou desde o punto de penalti un pase atrás de Mella, nunha acción similar á do segundo tanto.

Co resultado global xa empatado, o Pogoń Szczecin foise arriba nos minutos finais do primeiro período. O extremo Fornalczyk puxo a proba a Brais Suárez nun par de ocasións, que o gardameta deportivista liquidou con seguridade.

A segunda metade foi máis equilibrada, aínda que o físico do Pogoń Szczecin impúxose durante longos tramos. Con todo, a primeira ocasión foi deportivista. Noel enviou o esférico á esquerda da portería após unha boa acción de contragolpe entre Mella e Nájera. Corría o minuto 57. Un minuto máis tarde, Grzelka tivo o gol nas súas botas nun remate de socato que se perdeu pegado ao pau esquerdo da meta herculina.

A partir desa acción, os branquiazuis pasaron os seus peores momentos. Brais Suárez tivo que rexeitar a córner un libre directo envelenado de Mateusz Legowski, no minuto 63. No 67, Barcia despexou case baixo paus un balón que Grzelka pasara por riba do porteiro deportivista na súa saída desesperada fóra da área. Dous minutos máis tarde, Quique Teijo desviou o xusto coa súa perna esquerda un remate de Bialczyk nun saque de esquina que buscaba a cepa do pau esquerdo.

O Dépor sobreviviu ao arreón polaco, recuperou o dominio territorial e volveu chegar á área rival. No minuto 76, Pablo Trigo empalmou o rexeite da defensa visitante nun córner. Lukasz Legowski realizou unha impresionante estirada para desviar o xusto coas xemas dos seus dedos un balón que ía ao fondo das mallas, aínda que o colexiado non sinalou o saque de esquina. No 78, Dani Barcia rematou alto co seu pé dereito un balón solto na área após un novo córner.

Xa no tramo final, Mario acariñou o tanto definitivo cunha cabezada a centro desde a esquerda de Padín, que se marchou rozando o pau no minuto 87. No tempo de prolongación chegou o tanto definitivo. Juan Rodríguez internouse polo extremo esquerdo e puxo un balón raso na área pequena, que Pablo Trigo non rematou por pouco no primeiro pau pero que si enganchou de maneira inapelable Padín no segundo, cun dereitazo por alto imposible para calquera porteiro.

Após superar a primeira eliminatoria da UEFA Youth League, os branquiazuis enfrontaranse na segunda ao Maccabi Haifa FC israelí. O choque de ida disputarase o 3 de novembro na Coruña e o de volta xogarase o 24 dese mesmo mes en Israel.

RC Deportivo: Brais Suárez, Nacho Díaz (Mario, min. 71), Dani Barcia, Juan Rodríguez, Manu Rivas (Quique Teijo, min. 33), Rubén, Seydiba, Víctor Guerra, Nájera (Hugo Baldomar, min. 71), Mella (Padín, min. 61) e Noel (Pablo Trigo, min. 61).

MKS Pogoń Szczecin: Lukasz Legowski, Rezaeian, Bialczyk, Magnuszewski, Freilich, Kort, Lis (Bak, min. 59), Lukasiak, Mateusz Legowski, Fornalczyk e Grzelka (Korczakowski, min. 87).

Goles: 1-0 Bialczyk, en propia meta (min. 11); 2-0 Victor Guerra (min. 28); 3-0 Nájera (min. 36); 4-0 Padín (min. 90+1).

Árbitro: Bram van Driessche (Bélxica). Cartón amarelo a Lis (min. 17), Rezaeian (min. 47), Fornalczyk (min. 50), Víctor Guerra (min. 50), Mateusz Legowski (min. 81), Mario (min. 84), Grzelka (min. 86), Freilich (min. 88) e Padín (min. 90+5).

Incidencias: partido de volta da primeira eliminatoria da Ruta de Campións Nacionais da UEFA Youth League disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 8.522 espectadores.