RCD / NOVAS

Un solitario gol dá o V Trofeo Teresa Herrera feminino ao Athletic (0-1)

05/08/2017 20:24

O Athletic Club de Bilbao levou o V Trofeo Teresa Herrera feminino ao derrotar ao Deportivo ABANCA por 0-1, grazas a un solitario gol de Erika no minuto 76, tras un partido igualado, no que as xogadoras de Manu Sánchez deron a talla ante todo un quíntuplo campión de Primeira División.

A primeira metade transcorreu con escasas ocasións de gol en ambas as portarías. Nin Malena nin a internacional Ainhoa Tirapu tiveron traballo reseñable.

A segunda metade comezou con dúas boas ocasións, unha por bando, no primeiros dez minutos. En primeiro lugar, foi Erika quen probou á porteira branquiazul de lonxe. Despois foi Gaby García quen, de cabezada a centro de Kika Moreno, estampou a pelota no lateral da rede da portería bilbaína.

A falta dun cuarto de hora para o final, Miriam, á saída dun córner, tivo a ocasión de adiantar ao Dépor ABANCA, pero o seu duro remate atrapouno Leguina. Na seguinte acción, o Athletic si acertou na súa ocasión. Erika recolleu un rexeite de Silvia Mérida na frontal da área e colocou o seu remate por baixo pegado á cepa do poste dereito do marco de Malena.

Nos minutos finais, as branquiazuis tentárono de todas as maneiras. Gaby García, nunha internada na área, e Peke, cun disparo lonxano que rozou nunha defensa e estivo a piques de enganar a Paula, dispuxeron das mellores opcións para levar o encontro á quenda de penaltis.

Deportivo ABANCA: Malena, Cris (Miga, min. 82), Silvia Mérida (Laura Vázquez, min. 82), Raquel (Miriam, min. 58), Patri Rúa, Iris, Tere Abelleira, Kika Moreno (Estefi, min. 78), Sara, Peke e Gaby García.

Athletic Club: Ainhoa Tirapu (Leguina, min. 46) (Paula, min. 82), Ainhoa Álvarez (María Blanco, min. 68), Yulema Corres (Ane Bergara, min. 46), Eunate, Marta Perea, Erika, Vanesa Gimbert, Jone Ibáñez, Oihana, Ane Azkona e Leia.

Goles: 0-1 Erika (min. 76).

Árbitro: Elena Casal Fernández (colexio galego).

Incidencias: final do V Trofeo Teresa Herrera feminino disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR. Patri Rúa foi elixida polos medios acreditados a Xogadora Estrela Galicia do torneo.