RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

A Escola RC Deportivo chega aos colexios da man do Colegio Internacional Eirís

A Escola RC Deportivo comezou a súa actividade nos colexios da man do Colegio Internacional Eirís. Esta actividade, desenvolvida pola Fundación RC Deportivo e que pretende achegar o Dépor e o deportivismo á poboación máis nova, arrancou durante o mes de outubro no centro educativo coruñés.

A Escola RC Deportivo Colegio Internacional Eirís, organizada baixo a estrutura de actividade extraescolar, iniciouse cun grupo de alumnos desde Educación Infantil até 3º de Primaria que acode a adestrar todos os martes de 16:00 a 17:00 horas, despois do horario lectivo.

Ao colexio acoden os adestradores da canteira do RC Deportivo para desenvolver e dirixir os adestramentos baixo a metodoloxía da Escola RC Deportivo, baseada en tres alicerces fundamentais: a educación en valores, o desenvolvemento motriz do alumno e o achegamento e formación en fútbol da man do Dépor.

As inscricións atópanse permanentemente abertas dentro do Colegio Internacional Eirís para calquera neno ou nena do propio colexio que desexe participar, independentemente do seu nivel de práctica.

Calquera outro centro interesado en realizar a actividade, así como solicitar información da mesma, pode contactar coa dirección no correo electrónico escola@rcdeportivo.es ou no número de teléfono 981 25 95 00 (Extensión 2).

A Fundación RC Deportivo quere agradecer ao Colegio Internacional Eirís e en particular á súa directora, Dolores Otero Abadín, a posibilidade de iniciar esta actividade que permite complementar a formación futbolística do alumnado de maneira individual e personalizada e seguir aumentando o sentimento deportivista.

A Fundación RC Deportivo pon en marcha, por cuarta temporada consecutiva, esta actividade na que se preparan contidos complementarios ao traballo que os xogadores e xogadoras desenvolven nos seus clubs, aproveitando para profundar no coñecemento e adestramento do fútbol, formándose baixo a supervisión dos adestradores da canteira do RC Deportivo. Agora mesmo a Escola RC Deportivo está en funcionamento en Alvedro e Eirís (A Coruña), Cee, Bertamiráns e Outes. As inscricións atópanse abertas na web escola.rcdeportivo.es/gl.