A Escola RC Deportivo pechou o seu sexto curso, o 2023-2024, o pasado venres, día 31 de maio.
Este ano bateuse a marca de participación entre as sete sedes da Escola, superando os 350 participantes. Alvedro, Outes, Luis Calvo-Carballo, Arteixo, Colegio Internacional Eirís (aínda en marcha até finais de xuño) e Colexio Xesuitinas acolleron este curso da Escola RC Deportivo, ademais da Escola RC Deportivo Diversidade Funcional que ten como escenario a Cidade Deportiva Arsenio Iglesias, na Torre.
A Escola RC Deportivo é unha escola profesional de fútbol destinada a todos os nenos e nenas que desexen complementar a súa formación de maneira máis específica con adestradores da canteira do RC Deportivo, independentemente do seu nivel de práctica.
Xa finalizadas as clases, o longo do verán abrirase a preinscrición e reserva de praza aos participantes da próxima temporada 2024-2025. Despois abrirase a inscrición para o novo curso ao público en xeral, aberta a todos os nenos e nenas entre 6 e 14 anos.
O novo curso da Escola RC Deportivo comezará en outubro. Calquera club ou centro educativo que desexe sumarse ao proxecto pode solicitar información da actividade a través do correo electrónico escola@rcdeportivo.es.