RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FUNDACIÓN

A Fundación do RC Deportivo colabora coa Carreira da Muller doando 1.000 entradas para o partido do Dépor ABANCA ante o Madrid CFF

A Fundación RC Deportivo reafirma o seu compromiso co deporte feminino e os valores solidarios colaborando coa Carreira da Muller, un dos eventos deportivos e sociais máis importantes do país, que se celebrará na Coruña o vindeiro domingo 28 de setembro.

Como mostra deste apoio, o Club regalará 1.000 entradas para o partido que enfrontará ao Dépor ABANCA contra o Madrid CFF ese mesmo domingo 28 de setembro ás 16:00 en ABANCA-RIAZOR. Cada unha das participantes da Carreira da Muller poderá conseguir dúas entradas para o encontro _ata fin de existencias_ nunha caseta situada ao final do percorrido, nas proximidades do estadio. 

Esta iniciativa enmárcase dentro do programa Bancada Solidaria da Fundación do RC Deportivo, que en cada partido en ABANCA-RIAZOR destina unha cota de entradas a Ong, institucións e entidades benéficas que traballan en áreas como a integración social, a educación, a infancia, a saúde e a solidariedade. Nesta ocasión, ese apoio canalízase cara á Carreira da Muller, reforzando así o seu impacto positivo na comunidade.

A Carreira da Muller é un evento deportivo e solidario que busca fomentar a práctica do deporte entre mulleres de todas as idades, ademais de visibilizar e loitar contra o cancro de mama, a violencia de xénero e a desigualdade. 

Pola súa banda, a Fundación do RC Deportivo promove o fútbol como unha ferramenta de transformación social, educando en valores, inspirando aos mozos e fomentando unha sociedade máis inclusiva, solidaria e igualitaria.

Con esta acción conxunta, o RC Deportivo reafirma o seu compromiso coa sociedade e co avance do deporte feminino. Unha carreira que acaba cunha meta común: fomentar o deporte feminino e unha vida con saúde, respecto e igualdade.