RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FUNDACIÓN

A Fundación RC Deportivo presentou o seu traballo 'O Dépor Genuine e o seu impacto na sociedade'

A Fundación RC Deportivo presentou esta mañá no Hotel Attica21 Coruña o seu estudo 'O Dépor Genuine e o seu impacto na sociedade', nun acto que presidiron o máximo responsable do RC Deportivo e da Fundación RC Deportivo, Álvaro García Diéguez, e o seu homólogo da Fundación LaLiga, Clemente Villaverde.

O presidente deportivista agradeceu a súa presenza a todos os invitados e deulles a benvida aos "representantes de todas as institucións públicas, Concellos da Coruña e Abegondo, Deputación da Coruña e Xunta de Galicia, fundacións e asociacións que sodes para nós exemplo de inclusión, empresas que elixides a responsabilidade social e o impacto na sociedade como un valor real para a nosa contorna".

Álvaro García Diéguez quixo "agradecer especialmente" a presenza de Clemente Villaverde, "que quixo estar na Coruña para compartir connosco parte dos froitos que hoxe recollemos de todo o bo traballo que LaLiga e a súa Fundación veñen realizando nos últimos anos".

O máximo mandatario branquiazul tamén tivo palabras de agradecemento para os patrocinadores do Dépor Genuine, Vales & Asociados, Duacode e Quirónsalud. Igualmente, saudou a "os representantes doutros clubs como o Real Club Celta, o Club Deportivo Lugo ou o Racing de Ferrol, que forman parte tamén de LaLiga Genuine, exemplo de amizade, valores e xogo limpo tanto dentro como fóra do campo".

"O fútbol, e o Dépor en particular, temos un gran privilexio e unha responsabilidade. O noso gran privilexio é a nosa masa social, a forza das emocións que movemos, o sentimento de orgullo e pertenza que xeramos. E este gran privilexio leva unha enorme responsabilidade, case diría unha obrigación: temos que devolverlle á sociedade parte de todo o que nos dá", asegurou García Diéguez, que quixo destacar que "estamos ilusionados e implicados agora en lograr os maiores éxitos deportivos co noso primeiro equipo masculino e feminino, pero o noso maior orgullo é saber que o Dépor, o que o Dépor significa, transcende tamén ao que pasa no terreo de xogo, serve para cambiar a vida da xente e é un motor social capaz de facer felices a moitas persoas".

O presidente concluíu a súa benvida destacando e agradecendo o apoio de LaLiga para que o RC Deportivo sexa "unha das sedes de LaLiga Genuine en pouco máis de dúas semanas, do 15 ao 17 de marzo".

Acto seguido, o secretario xeral da Fundación RC Deportivo, Diego García, e os membros do corpo técnico do Dépor Genuine Carlos García e Lucía Otero procederon á presentación do traballo, unha profunda análise individual e grupal sobre o impacto positivo e as melloras nas condicións de vida que supón para os xogadores e xogadoras do Dépor Genuine formar parte dun equipo de fútbol.

Algúns datos son moi concluíntes coas melloras observadas polos propios xogadores e xogadoras:

- Case a metade dos xogadores e xogadoras do Dépor Genuine cren que reduciron ao seu estrés moito ou bastante.
- Tres cuartas partes deles experimentaron moito ou bastante un feedback positivo.
- Dous de cada tres deles melloraron moito ou bastante a súa autosuperación, aumentaron a súa responsabilidade e incrementaron a súa colaboración coa súa familia en labores do fogar.
- Algo máis do 50 % dos xogadores e xogadoras melloraron moito ou bastante na súa autonomía e a súa comprensión.
- Preto do 85 % deles incrementaron moito ou bastante as súas amizades.
- Un 65 % dos xogadores e xogadoras melloraron moito ou bastante a súa organización.
- Un de cada tres deles diminuíu a súa conflitividade.

A visión dos pais tamén foi parte do estudo. A gran maioría deles viron grandes melloras nos seus fillos:

- Case un 70 % deles observan moita ou bastante máis empatía nos seus fillos.
- Máis dun 80 % venos moito ou bastante máis motivados e con maior iniciativa persoal.
- Preto da metade cre que melloraron moito ou bastante a súa tolerancia á frustración.
- Máis dun 90 % venos moito ou bastante máis cooperativos e solidarios.
- Case un 90 % melloraron moito ou bastante na convivencia.
- Tres de cada catro pais observan moita ou bastante superación persoal.
- Un 90 % dos proxenitores ven aos seus fillos moito ou bastante máis autónomos.
- Un 70% deles veos moito ou bastante máis autodisciplinados e responsables.
- Algo máis da metade viron que os xogadores e xogadoras recoñecen moito ou bastante que as súas capacidades se incrementaron.

Por último, os preparadores do equipo tamén foron obxecto do estudo.

- O 80 % dos técnicos ven un gran cambio no comportamento social e psicolóxico dos xogadores e xogadoras.
- Máis dun 80 % considera que mellorou moito ou bastante o benestar das familias dos xogadores e xogadoras.

Diego García moderou unha mesa redonda na que interviñeron Alejandro Espiñeira, membro do corpo técnico do Dépor Genuine; Araceli Blanco, directora de Aspanaes Ferrol e familiar dun xogador do Dépor Genuine; Óscar Vales, do patrocinador do Dépor Genuine Vales & Asociados; Gabriel Cives, xogador do Dépor Genuine; Alejandro Vidal, responsable de Área Social do RC Deportivo, e o mencionado Clemente Villaverde.

Para finalizar, o presidente deportivista emprazou a todos á cita con LaLiga Genuine os días 15, 16 e 17 de marzo na Cidade Deportiva de Abegondo, onde "máis de 1.400 persoas asistirán desde toda España a un evento que representa os mellores valores do deporte" e concluíu desexando que o RC Deportivo estea "á altura do que merecen" todos os actores de LaLiga Genuine.