RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

A RFEF entregou ao RC Deportivo a Copa España de 1912, o título esquecido e primeiro dos 7 do palmarés branquiazul

A Real Federación Española de Fútbol, durante o descanso do partido entre o Dépor e o CF Fuenlabrada, entregou de maneira simbólica ao RC Deportivo a Copa España de 1912, que o Club conserva desde hai 111 anos e que o ente federativo recoñeceu hai unhas semanas como título oficial de máxima categoría do fútbol español.

A RFEF ratificou a oficialidade do título o pasado sábado 25 de marzo, despois de que o RC Deportivo reclamáseo por mor da investigación do xornalista Rubén Ventureira Novo que concluíu coa publicación do libro 'De la Sala Calvet al título olvidado. Albores del RC Deportivo 1901-1912', editado pola Fundación RC Deportivo.

Rafael Louzán, presidente da Real Federación Galega de Fútbol, entregou en representación da RFEF ao presidente deportivista, Antonio Couceiro, a Copa España de 1912. O 'título esquecido' colocouse entre os outros 6 conquistados entre a última década do século XX e a primeira do século XXI.

Ao céspede de ABANCA-RIAZOR saltaron familiares de catro futbolistas que gañaron a Copa España de 1912 e dous directivos que tamén foron xogadores con anterioridade: Mariflor Macho (descendente de Paco Macho), Javier Acción (de Ramón Portela), Pedro Puig (de José de Llano), Ricardo Álvarez (de Virgilio Rodríguez Rincón), Juan Charry (de Eugenio Charry) e Pablo González-Carreró Fojón (de Salvador Fojón).

Tamén o fixo Rubén Ventureira Novo, que recibiu de mans de Antonio Couceiro a maior distinción do Club, a insignia de ouro e brillantes, como recoñecemento ao seu descubrimento.

A Copa España de 1912 pasou a ser o primeiro título oficial de máxima categoría nacional da historia do RC Deportivo, que aumenta de 6 a 7 o seu palmarés: 1 Campionato Nacional de Liga de Primeira División (2000), 2 Copas do Rei (1995 e 2002), 1 Copa España (1912) e 3 Supercopas de España (1995, 2000 e 2002).