ABANCA-RIAZOR acollerá o memorial Arsenio Iglesias con Lionel Scaloni como convidado especial
O Estadio ABANCA-RIAZOR será o escenario do partido memorial Arsenio Iglesias entre o RC Deportivo e o Atlético Arteixo o vindeiro martes 1 de agosto ás 18.00h. Ese mesmo encontro acollerá ademais unha homenaxe a Lionel Scaloni na que será a súa primeira visita á cidade após proclamarse campión do mundo como adestrador da Selección de Arxentina. O ex xogador deportivista participará no memorial a Arsenio, ao que o arxentino quere render honras persoalmente na cidade, antes de ler o pregón das festas da Coruña nunha xornada especial para Scaloni, coa coordinación de actos desde o RC Deportivo e o Concello coruñés.
Os socios e socias do RC Deportivo terán acceso gratuíto co carné de abonado, e os prezos para o público en xeral serán de 5 euros nos fondos de Marathon e Pavillón e de 10 euros nas bancadas de Preferencia e Tribuna.