RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Dani Barcia pide volver de Nadal "todos enchufados" e Loureiro avisa que "imos seguir competindo nesa parte alta igualmente"

Dani Barcia e Miguel Loureiro pasáronse pola zona mixta do Nou Estadi Encamp de Andorra.

O central coruñés fala de "decepción. Vimos a polos 3 puntos e non se puido dar. Agora temos que descansar esta semana, e volver en xaneiro que é costa arriba coas máximas ganas posibles e con todos enchufados porque agora vén o bonito e temos que dar un paso adiante".

Admite que na segunda parte, "nos segundos balóns foron superiores e faltáronnos pernas. Eles tamén xogan. Nós tamén puidemos dar un pouco máis pero a pensar xa no seguinte".

Insiste Dani Barcia en "seguir adiante porque estamos aínda arriba. Hai que seguir pelexando como até agora e cambiar esta xeira".

Pola súa banda, Miguel Loureiro cre que "empezamos moi ben o partido. Tivemos 3 ou 4 situacións claras para pornos por diante. Eses primeiros 20 minutos fomos claros dominadores. O resto da primeira parte estivo igualado. Non pasaron demasiadas cousas. Na segunda empezáronnos a empuxar. Estivemos menos cómodos, máis tempo no noso campo. Non conseguimos dominar con balón como na primeira. Chéganos o gol e fomos incapaces de darlle a volta".

Confesa que "non estamos contentos. Temos mala sorte. Sabémolo. É momento de xuntarnos, de apertar, de estar todos xuntos, de saber que estes momentos hai que pasalos igual que cando pasamos outra mala serie. Hai que pasalos como equipo, e así o imos a facer".

Asegura que "cando volvamos de Nadal farémolo coas pilas cargadas e con ganas de seguir aí arriba. Está claro que temos mala sorte pero o equipo segue arriba e imos seguir competindo nesa parte alta igualmente".