RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FUNDACIÓN

Aberta a inscrición aos DéporCampus Cabreiroá deste verán, que pasan de 13 a 17 sedes

Como cada verán regresa a principal actividade social do RC Deportivo a través da súa Fundación, os DéporCampus Cabreiroá, nos que participan miles de nenas e nenos de boa parte de Galicia e para os que esta semana se abriu o prazo de inscrición nas 17 sedes das catro provincias galegas. Este ano desenvolveranse, para participantes desde os 6 aos 14 anos, entre finais do mes de xuño e principios do de agosto.

Abegondo, Bertamiráns, Boiro, Caranza Carballo, Catoira, Cee, Cuntis, Monforte, Ourense, Outes, Ponte Caldelas, Sarria, Silleda, Terras de Maside, Viveiro e Zas son as localizacións nas que se desenvolverá a actividade en diferentes semanas do tres meses de verán.

Como cada ano, a instalación con máis semanas de actividade serán as da Cidade Deportiva de Abegondo, que acollerá o DéporCampus Cabreiroá 2023 en seis quendas, unha por semana, entre o 26 de xuño e o 4 de agosto. Para esta sede central ademais, os participantes poden acollerse a tarifas reducidas se se inscriben antes do próximo 10 de xuño.

Tamén poden acollerse a descontos as nenas e nenos que participasen en edicións anteriores dos DéporCampus Cabreiroá e das Escolas RC Deportivo, ademais dos que gozan Socios ou Accionistas do RC Deportivo, xogadores do Club, familias numerosas ou con máis dun membro en paro e familias que inscriban a máis dun fillo.

Toda a información sobre cada sede, cada quenda, horarios e demais preguntas frecuentes atópase en deporcampus.rcdeportivo.es, onde se pode realizar todo o proceso de inscrición e contacto, que tamén se pode establecer a través de deporcampus@rcdeportivo.es.