RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Aleksandar Jovanović, novo xogador do Deportivo 2019-2020

Aleksandar Jovanović (Niš, Serbia, 6 de decembro de 1992) é novo xogador do RC Deportivo cedido até final de temporada. Jovanović xoga como gardameta e chega procedente do Aarhus GF danés, onde se atopaba a préstamo pola SD Huesca, entidade que agora o cede ao Club branquiazul.

Internacional absoluto con Serbia en 1 ocasión, no ano 2016, Jovanović estivo preseleccionado polo combinado do seu país para disputar a fase final da Copa do Mundo de 2018. Con todo, non estivo na lista definitiva.

Formado entre o Radnički da súa localidade natal e o RAD de Belgrado, equipo desde o que Miroslav Djukić aterrou en Riazor en 1991, foi este último club no que deu o salto ao profesionalismo. Após senllas cesións aos modestos FK Palilulac e ao FK Palić e unha curta estancia na segunda categoría serbia co FK Donji Srem, regresou a casa para, xa na Superliga do seu país, colocarse baixo os paus do Radnički Niš, no que sobresaíu durante a campaña 2015-2016.

A súa boa temporada valeulle o debut coa selección e un traspaso ao estranxeiro, concretamente ao Aarhus. En maio de 2017 bateu unha marca histórica da máxima categoría do fútbol danés, ao acumular 423 minutos consecutivos sen encaixar un gol.

Á conclusión do seu contrato de dous anos co AGF, asinou por tres campañas coa SD Huesca. Na súa primeira campaña en LaLiga Santander, a do debut do cadro oscense na elite do fútbol español, disputou 12 encontros nos que encaixou 19 tantos, antes de ser cedido ao seu anterior equipo o pasado verán.