RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álvaro Rey, na súa presentación, afirma que "é un cadro no que vai ser moi difícil entrar porque está a un nivel moi alto"

Álvaro Rey Vázquez (Sevilla, 11 de xullo de 1989) foi presentado esta mañá como novo xogador do Real Club Deportivo para o que resta de campaña con opción a ampliar a súa vinculación.

En primeiro lugar, o dianteiro andaluz posou para os medios gráficos coa súa nova camiseta no campo principal da Cidade Deportiva, acompañado polo Presidente Antonio Couceiro.

Xa na sala de prensa, recoñeceu aos medios de comunicación que "levo xa un tempo cun idilio co Dépor, que se veño, que se non veño. No verán estiven a piques de vir. Non se deu. Eu sempre lle dei prioridade ao Dépor e grazas a deus deuse agora; así que moi contento, moi feliz".

Lembra que Borja Jiménez "me coñece moi ben da miña etapa no CD Mirandés con el e todo foi máis fácil".

É consciente da "categoría que ten o Deportivo no fútbol español. É un Club ao que sempre seguín, desde pequeno. Desde que saíu que podía vir aquí, pois imaxina... Desde que está Borja Jiménez seguino máis aínda porque teño moi boa relación con el. Levo toda a temporada seguíndoo. É un cadro no que vai ser moi difícil entrar porque está a un nivel moi alto. Estou aquí para sumar, para traballar, para poñerllo difícil ao míster. Co cadro que temos, esperemos conseguir o obxectivo".

Xa cunha semana de adestramentos en Abegondo, o dianteiro deportivista asegura atoparse "mellor do que esperaba. Levo un tempo sen competir, desde que acabou a liga alí en Bolivia, pero seguín adestrando en Sevilla todos os días, practicamente desde que tiven vacacións. Iso serviume para ter unha base para vir aquí. Aos poucos irei a mellor. Só fáltame competir, coller ritmo de competición e poñerme a ton cento por cento".

Explica a #ANOSAFORZA que é "un xogador de banda. Xoguei moitos partidos durante a miña carreira de segundo punta, polo medio; pero síntome máis cómodo en banda. Son destro pero na esquerda xoguei moitos partidos. Con Borja Jiménez, en Miranda, utilizoume en varias posicións: na esquerda, á dereita, polo centro algún partido. Sempre é importante ter certa polivalencia arriba para ter máis opcións. Borja sabe cal é a miña posición natural, pero estou disposto a achegar onde faga falta".

Desvela ter neste mercado de inverno "unha oferta de Segunda División e a do Dépor. Tamén tiña interese dalgúns clubs de Segunda. Levo moito tempo coqueteando co Dépor. É un Club que sempre me encantou e prioricei vir. Xa sabemos a categoría que ten, a cidade, #ANOSAFORZA. É un club de Primeira División, aínda que por desgraza agora mesmo está na categoría que está. Prioricei vir a este Club a sumar, a facer algo bonito e tentar ascender este ano que é o gran obxectivo".

Álvaro Rey sabe que chegar no inverno a un equipo líder destacado do seu grupo en Primera RFEF, con once partidos consecutivos sen coñecer a derrota, "é unha aposta miña persoal porque tiña unha oferta de Segunda e algún interese doutros equipos. Pero que che veña o Deportivo... É un grande do fútbol español e encima tiven aquí a bos amigos xogando que me aconsellaron vir. É difícil entrar no equipo porque a calidade é moi alta. Todos os xogadores están a un nivel moi alto, pero vou tentar poñerme ao meu nivel e poñerllo difícil ao míster que ao final é o que decide. Espero sumar tanto no vestiario como no deportivo, que para iso vin".

Finalmente, subliña que á hora de adaptarse, ademais dos andaluces que hai no vestiario, "coñezo xa de antes a Álex Bergantiños; a Mackay, que o tiven no meu mesmo equipo; a Héctor, a Borja Granero, que me enfrontei a eles non fai moito en Segunda. Foi moi fácil a adaptación. Todos os rapaces son incribles, fixéronme sentir coma se estivese en casa desde o minuto 1 e foi moi fácil. Tipos moi boa xente, con moitas ganas de triunfar, rapaces que veñen apertando forte, que iso é importante para o futuro do Club. Estou moi contento por todo. Lévome moi ben con todos. Son tamén un rapaz que me adapto rápido, lévome ben con todo o mundo".