Antoñito advertiu esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "mentres hai vida hai esperanza. Non podemos baixar os brazos porque esteamos a 4 puntos do líder. É verdade que hai dous rivais que teñen 4 puntos pero somos o Dépor e até o último momento imos estar pelexando polo primeiro posto".
De cara a estas últimas 6 xornadas de liga, asegura que non fai números: "A miña conta é gañar o domingo e esperar que algún dos dous piquen algo. Nós non podemos fallar. Eu aínda sigo sendo optimista de que aínda se pode. Pero pódese se se gaña este domingo. Hai que ir partido a partido, pensar no partido do AD Ceuta FC, máis aló do partido que veña a seguinte xornada".
O futbolista andaluz, un dos máis veteráns en Abegondo, cre necesario "sacar o orgullo competitivo, o orgullo de que estamos no Dépor porque somos capaces de sacar esa serie positiva neste momento clave da temporada".
Non lle sorprende que o AD Ceuta FC, rival este domingo 23 de abril en ABANCA-RIAZOR (19:00 horas, TVG-2 e InSports.tv), sexa o líder da clasificación nesta segunda volta porque na primeira volta "gustounos moito o seu xogo. É un equipo moi dinámico, combinativo, un equipo que sempre mira á portería contraria e alí gustounos moito. Sufrimos moito para sacar os 3 puntos. O que está a facer non nos sorprende. É un rival moi complicado, que vén en dinámica positiva. Vai ser un partido moi complicado, pero estamos en ABANCA-RIAZOR e aquí somos fortes".
Respecto da diferenza de resultados en ABANCA-RIAZOR e fóra, opina que en "casa os equipos péchanse atrás, co medo escénico de xogar en ABANCA-RIAZOR con vintepico mil espectadores. Fóra de casa os equipos apértannos moito máis arriba, cústanos moito máis sacar a pelota xogada. En casa sentímonos fortes, co apoio de #ANOSAFORZA que sempre apoia. Fóra verdade temos o apoio da nosa xente, pero os rivais xogan outro fútbol diferente ao que xogan en ABANCA-RIAZOR".
Confesa estar vinculado por unha relación de amizade co atacante ceutí Rodri desde a etapa de ambos no Córdoba CF: "Son destes amigos que quedan para sempre no fútbol", apunta o defensor branquiazul aínda que "xa lle dixen que aquí en ABANCA-RIAZOR que nin cheire a área contraria, que quede máis atrasado".
Ambos considéranse, en palabras de Antoñito, futbolistas de "querer sempre superarnos nas malas. Eu alégrome moitísimo por el nisto do fútbol porque tivo moita mala sorte. Eu sigo o meu camiño. Nunca me canso de dicilo, é o que me ensinaron na miña casa, traballo, traballo, traballo. Considérome un xogador de vestiario. Voume a retirar desa forma que son eu de seguir traballando e de apoiar a todos os meus compañeiros".
Ademais de Rodri, resalta no AD Ceuta FC un "mediocentro que me gusta moito que é Reina" e ao seu adestrador, Chus Trujillo, "ao que lle gusta moito o balón, ter posesión, ir rápido á portería contraria. É un adestrador moi valente cos equipos que ten e aos futbolistas faios mellores. É un rival que me gusta moito, que o sigo porque teño amigos alí, gústame a súa forma de xogar e a súa forma de entender o fútbol".
