RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Ao Dépor ABANCA escápaselle o partido nos minutos finais de cada período (2-0)

O Deportivo ABANCA non puido sacar nada positivo da súa visita á Real Sociedad, que levou o triunfo mercé a dous goles que chegaron no minuto 44 de cada período.

O técnico deportivista, Manu Sánchez, modificou o seu esquema habitual para fortalecer o mediocampo. Peke quedou no banco e Athenea xogou soa en punta, con María Figueroa acompañando a Ainoa na medular, Alba e Eva Dios nos costados e Gaby entre elas.

O plan era claro: defender con orde e superioridade e tratar de saír ao contragolpe. E funcionou durante moitos minutos, case tantos como durou a primeira metade,

O dominio de posesión e territorial da Real foi moi claro, aínda que as ocasións tampouco foron excesivamente clamorosas. No minuto 7, a primeira, quizá foi a máis clara. A finlandesa Sani Franssi rematou case na área pequena por encima do traveseiro un centro tenso de Lucía desde o extremo dereito.

O resto de intentos realistas chegaron ou con lanzamentos afastados ou con internadas de Bárbara Latorre polo extremo dereito. Sullastres respondeu a un gran disparo de Nerea Eizagirre no minuto 10. A propia '10' donostiarra tratou de sorprender nun córner directo que sacaron entre Stephannie Blanco e Sullastres no minuto 17. No 22, Nuria Rábano rozou o traveseiro cun zurdazo desde fóra da área. E a exdeportivista, no 39, probouno cun centro-chute que rexeitaron entre Sullastres e o traveseiro. Pola súa banda, Bárbara atopouse coas mans fortes da porteira deportivista nun sorprendente disparo desde a liña de fondo e co cruzamento da central costarriqueña nun disparo raso que superara a Sullastres.

O Dépor ABANCA sacudiuse o dominio por momentos e, sobre todo, evitou achegamentos claros durante moitos minutos, na parte central do primeiro período. No minuto 16, Ainoa cabeceou a mans de Quiñones na segunda xogada dun saque de esquina. E no 21, Alba Merino dispuxo da mellor oportunidade deportivista de todo o partido. Patri López gañou a liña de fondo e puxo un balón raso no punto de penalti que a estremeña rematou co seu pé dereito chegando desde atrás. O balón perdeuse lixeiramente á esquerda da portería local.

Nos instantes finais volveu apertar a Real, que forzou varios córneres. No minuto 43, nun deles, a colexiada anulou un gol a Franssi por falta na área pequena sobre Sullastres. Un minuto despois, a Real Sociedad adiantouse no marcador. Centrou Lucía desde a dereita e no segundo pau cabeceou Nerea Eizagirre, completamente soa, superando a Sullastres.

Após o descanso, co marcador en contra, Manu Sánchez realizou dúas modificacións. Deixou no vestiario a María Figueroa e a Athenea para dar entrada a Michelle Romero e a Peke. Deste xeito, as branquiazuis volveron despregarse no habitual 4-4-2.

O Dépor ABANCA seguiu defendéndose ben pero non logrou aumentar o seu caudal ofensivo. Ao fío da hora de xogo, Franssi dispuxo dunha cabezada franca que enviou a mans de Sullastres. No minuto 68, Esther realizou unha gran intervención nun remate de Nahikari após servizo de Bárbara ao momento de penalti.

O equipo coruñés non se rendeu, nin moito menos. Cris puxo en apertos a Quiñones cun centro-chute no minuto 70. Catro despois, Peke conduciu un contragolpe que concluíu cun disparo centrado que atrapou a gardameta realista. Tamén acabou do mesmo xeito unha falta afastada de Stephannie Blanco, no minuto 83. No 87, Gaby non puido dar potencia ao seu disparo após unha bonita acción na área con pisada e recorte.

Cando estaba a piques de cumprirse o tempo regulamentario, unha imprecisión na saída do balón acabou con este a pés de Nahikari, que viu a unha Amaiur completamente soa á súa dereita e esta superou a Sullastres cun potente derechazo por baixo.

Con esta derrota, o Deportivo ABANCA continúa pechacancelas, pero a tiro de pedra do quinto pola cola, posición que marca a permanencia en Primera Iberdrola.

Real Sociedad: Quiñones, Lucía, Nuria Mendoza, Tejada, Nuria Rábano, Bárbara (Amaiur, min. 85), Maitane (Itxaso, min. 85), Gemma, Leire Baños (Cecilia Marcos, min. 59), Franssi (Nahikari, min. 59) e Nerea Eizagirre (Palacios, min. 78).

Deportivo ABANCA: Sullastres, Cris, Iris Arnaiz, Blanco, Patri López, Ainoa, Maria Figueroa (Michelle Romero, min. 46), Alba Merino, Gaby, Eva Dios e Athenea (Peke, min. 46).

Goles: 1-0 Nerea Eizagirre (min. 44); 2-0 Amaiur (min. 89).

Árbitra: Espinosa Ríos (c. madrileño). Non mostrou cartóns.

Incidencias: partido da 21ª xornada de Primera Iberdrola disputado nas instalacións de Zubieta a porta pechada debido á pandemia de COVID-19.