RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
RCDEPORTIVO

Arsenio Iglesias xa ten a súa rúa xunto a Torre de Marathón

A cidade da Coruña inaugurou hoxe unha rúa en honra de Arsenio Iglesias, o personaxe con maior influencia directa no terreo de xogo nos 118 anos de historia do RC Deportivo, moi preto do lugar no que ofreceu tantas tardes de gloria.

A Travesía Arsenio Iglesias é a explanada que une Manuel Murguía e a Avenida da Habana, finalmente a través dunhas escaleiras, trala Torre de Marathón.

Alí descubriuse a placa co novo nome da rúa, despois das intervencións de Carlos Ballesta, Conselleiro do RC Deportivo; Antonio Iglesias, un dos fillos de Arsenio, e Inés Rey, alcaldesa da Coruña.

Carlos Ballesta, man dereita de Arsenio durante varias temporadas, tanto no banco do Dépor como na secretaría técnica e xogador seu a principios dos anos 80, interveu en primeiro lugar para dar as grazas a Álvaro García Diéguez, presidente branquiazul tamén presente no acto, por cederlle a súa quenda de palabra. "Díxome: 'Carlos, é un acto para Arsenio, tes que falar ti'".

A só tres días de cumprirse un ano do falecemento de Arsenio, Ballesta recoñeceu que aínda que "non está connosco, a realidade é que ningún día deixou de estalo, e nin un só día deixará de estalo". Ballesta quixo falar do plano máis persoal e humano de Arsenio, que "foi o meu pai deportivo, o meu adestrador, o meu compañeiro, pero por riba de todo, o meu gran amigo", ao que engadiu que "para o deportivismo é xa unha lenda e un guía para sempre".

O Conselleiro destacou que vendo agora aos xogadores da canteira e a #ANOSAFORZA sente que "facía tempo que non tiña tan claro ese sentimento de pertenza que creou Arsenio".

Arsenio Iglesias é o adestrador que máis partidos oficiais dirixiu ao Dépor (568) e o técnico que levou ao Club a conquistar a súa primeira Copa del Rey en 1995. Arsenio estivo un cuarto de século vinculado de maneira directa ao RC Deportivo, como xogador do Fabril e do CD Xuvenil, como futbolista do primeiro equipo, como adestrador do Fabril e como técnico do primeiro equipo. Cun total de 714 partidos oficiais co primeiro equipo, como adestrador e como xogador, é o personaxe con maior influencia directa no terreo de xogo ao longo destes 118 anos.