Arturo asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "crer, cremos cento por cento. É verdade que temos 3 equipos por diante (AD Alcorcón, Real Madrid Castilla e Racing de Ferrol), que teñen que fallar máis que nós, pero temos que facer o noso, que é gañar todo o que queda e esperar que os demais fallen máis que nós. Estou seguro que ningún deles vai gañar os 4 partidos seguidos e nós temos que gañalos para tentar lograr o ascenso directo, que é o que buscamos".
Admite que gañar os 4 partidos que restan até o final de liga "fácil non é, pero nin agora nin na xornada 1. Pero se non o conseguimos até agora, non quere dicir que non o podamos conseguir. Ao revés. Como non o conseguimos, agora é o momento porque si que é verdade que xa non temos marxe de fallo".
Coas entradas esgotadas para o partido deste sábado 6 de maio ás 17:00 (TVG-2 e InSports.tv) ante o AD Alcorcón, o dianteiro deportivista lembra que "desde que cheguei, #ANOSAFORZA sempre estivo connosco, tanto en ABANCA-RIAZOR como fóra. E este partido, que é unha final, non ía ser menos. Dicirlles que sobre todo necesitamos o seu apoio nesta recta final e darlles as grazas por encher o estadio unha vez máis".
Entende que #ANOSAFORZA, polos resultados do equipo lonxe de ABANCA-RIAZOR, poida estar "un pouco enfadada. Non conseguimos ter a regularidade que se necesita fóra de casa para estar agora mesmo, se fósemos máis regulares, primeiros; pero só temos que pensar en nós. Tamén nos faltou un pouco de xeito que moitas veces nesta categoría faiche falta, porque sen ir máis lonxe o partido de onte do Racing de Ferrol, esa xogada o outro día acaba con Quiles co pómulo roto e onte o central cae... Esa sorte que nos faltou noutros partidos os outros equipos si que a tiveron entón hai que pensar só en tentar mellorar eses números e xa está".
Do AD Alcorcón, indica que "están aí por méritos propios. Son sobre todo un equipo que ten moi claro ao que xoga, que ten un bloque moi definido e moita experiencia tamén nesta categoría e en categorías superiores. Saben moitas veces levar o tempo do partido moi ben e é un equipo que é difícil de gañar. Empezaron a temporada moi mal, pero logo colleron esa velocidade de cruceiro. Foron moi regulares e por iso están aí arriba".
Non descarta mesmo tentar polo menos igualar o 3-1 da ida en Santo Domingo: "En ABANCA-RIAZOR todo é posible porque o demostramos. Somos un equipo que en casa temos moi bos números e neste partido temos que seguir coa liña que estamos a ter, de ser protagonistas, tentar quitarlle o balón a todos os equipos que veñen e facer o noso xogo, que en ABANCA-RIAZOR, con #ANOSAFORZA e con esta boa xeira que temos, é algo moi importante".
Titular o pasado domingo en Córdoba, Arturo afirma que "o meu desexo sempre é tentar xogar de inicio. A semana pasada tocoume e atopeime máis ou menos ben. É verdade que tampouco tivemos moitas situacións porque o Córdoba presionaba moi ben e non conseguimos ter o balón todo o que quixésemos. Atopeime ben, un pouco canso da falta de ritmo e dos poucos minutos que estaba a ter agora pero ben e desexando volver repetir".
