Arturo Juan Rodríguez Pérez-Reverte (Cartaxena, Murcia, 30 de abril de 1989) foi presentado esta mañá como novo xogador do RC Deportivo até final de temporada e unha campaña máis.
En primeiro lugar pousou para os medios gráficos no campo principal da Cidade Deportiva acompañado polo presidente, Antonio Couceiro.
Xa na sala de prensa de Abegondo, confesou que a súa fichaxe, nas últimas horas do mercado de fichaxes, "foi unha pouco tolemia. O día antes chaman ao meu representante. Din que queren cubrir o cadro cun xogador das miñas características, que ao míster gustáballe. E xa todo foi moi rápido. Ao principio é un pouco shock do último día cambiar, moverte, pero a un club como o Dépor non non se lle pode dicir que non. A UD Sanse portouse moi ben comigo porque aínda que fose o último día e para eles fose un pouco unha dor de cabeza, sabían que era unha oportunidade para min. Levaba 3 anos alí, eu sempre me portei moi ben con eles e eles portáronse moi ben comigo".
O dianteiro deportivista comenta que #ANOSAFORZA, á que eloxiou hai xa varios anos en redes sociais, "sempre é unha afección que me chama a atención. Tiven a sorte de vivila como visitante dúas veces, tanto o ano pasado como este e xa me chamaba moito máis a atención. Agora vivíndoa en casa vai ser unha emoción moi grande".
Non se lle pasa por alto que o seu debut podería ser este domingo ás 12:00 (InSports.tv) no Estadio Municipal José Luis de la Hoz-Matapiñonera ante precisamente o UD San Sebastián de los Reyes: "Falaba con eles o día que me ía. Mira que casualidade, que caprichoso é o destino que me toque poder debutar o mesmo partido que nos enfrontamos a eles. Oxalá poida debutar e facelo ben, que é o importante".
Desvela que Óscar Cano "chamoume o mesmo día que se pechou todo para contarme un pouco cal era a súa idea, que buscaba cun xogador do meu perfil. Busca ese perfil veterano que tamén coñece á categoría, que no xogo directo pode ser gañador de duelo. Logo estar na área. O Dépor atópase con moitos partidos nos que os equipos, con esa extra motivación de xogar contra o Dépor, apertan arriba e costa moito sacar o balón en curto. Eu pódolles dar esa posibilidade, é o meu perfil e sobre todo en ABANCA-RIAZOR ter xente na área de remate que tamén é algo importante".
Arturo asegura que a súa chegada ao vestiario "foi moi boa. Ao final eu cheguei con moita ilusión porque vés a un club moi grande. Nos adestramentos gózase todo; e sobre todo á miña idade máis aínda porque es máis consciente de que é difícil chegar a este tipo de nivel. Tamén coñecía a algúns compañeiros e iso sempre faiche máis fácil a chegada".
Bo coñecedor da categoría, o ariete branquiazul explica que de cara a este tramo final as claves "é ser un equipo, sobre todo fóra de ABANCA-RIAZOR, moi competitivo. Esta categoría é moi de duelos, moi de disputas e a extramotivación que leva o resto de equipos por xogar contra o Dépor hai que contrarrestala. Non só é xogar ben, senón que fóra haberá sitios que non se poderá xogar tan ben e haberá que ser sobre todo máis competitivo e pechar a portería para que, co talento que nós temos arriba, calquera ocasión poida cantar os partidos para nós".
Aclara que "esa motivación de xogar co Dépor, como podía ser con equipos máis grandes, sempre é un extra, pero é verdade que moitas veces eses equipos van extra motivados e perden moitas veces o obxectivo de vista. Eu tiven a sorte de vivilo en contra e sempre dás ese plus máis porque contra estes equipos sempre queres facelo ben".
Con novo técnico, Miguel Ángel Martínez 'Lobo', Arturo indica que "o primeiro que fixo foi cambiar o esquema, pór tres centrais que xa estabamos a traballar no club o ano anterior e que nos había ir ben. E a el, que tamén estivo a temporada pasada, tamén lle funcionou. E sobre todo en coller confianza defensiva porque era un equipo que estaba a conceder moito e con eses tres centrais están máis resgardados e é máis difícil facerlles gol".
Preguntado pola súa competencia con Lucas, é consciente que "ao final vai haber minutos para todos. Eu veño axudar no que se poida, xogar os máximos minutos posibles, pero é verdade que Lucas está fóra de categoría. É un xogador que ten que ser para nós determinante e que o está demostrando desde o primeiro día que chegou. Eu veño axudar en todo o que poida e a sumar, que é o importante neste tipo de casos".
