RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

As Nosas, "bastante imprecisas", caeron pola mínima en Granada cun gol no minuto 90

O Dépor ABANCA caeu pola mínima (1-0) este luns 23 de marzo co Granada CF cun gol de Laura Pérez no minuto 90.

Con este resultado, As Nosas quedan con 23 puntos na 12ª posición da Liga F.

Fran Alonso admitiu na rolda de prensa pospartido que "estivemos bastante imprecisas".

Millene Cabral foi a única futbolista branquiazul que se perdeu o encontro por lesión.

A primeira parte transcorreu con suma igualdade, sen goles e sen apenas ocasións de gol nas dúas porterías.

Así, a única oportunidade destacable foi un disparo de Laura Pérez, protagonista do encontro, que detivo segura Inês Pereira.

O técnico deportivista cre que "na primeira parte lemos mellor o partido".

Após o paso polos vestiarios, "a segunda metade non a lemos ben", opinou o preparador deportivista. "Tentamos ir a por o partido con máis corazón que cabeza e fixéronnos moito dano nas transicións", engadiu.

Así, o Granada CF comezou a facer dano. 

No minuto 47, a omnipresente Laura Pérez cruza demasiado un balón ante a portería deportivista.

Apenas 2 minutos máis tarde, Gómez culmina unha acción individual na área branquiazul cun potente disparo ao que responde ben a porteira portuguesa do Dépor ABANCA.

Só respondeu Espe Pizarro cun chute que detivo a meta granadina Laura.

Fran Alonso busca máis mordente arriba coa entrada de Bárbara por Marisa.

O VAR entrou en dúas ocasións practicamente consecutivas.

No minuto 66 revisou un posible penalti a Manoly na área das Nosas e pouco despois unha posible vermella directa por unha entrada ca plancha de Alba a una xogadora deportivista. A colexiada do encontro, a catalá Ainara Acevedo, após chequearlo no monitor, nin sinalou penalti nin expulsou á futbolista andaluza.

Nas botas de Lauri, no minuto 70, estivo o 1-0 pero o seu remate foise fóra.

O poste, coa axuda de Inês Pereira, xogou a favor do Dépor ABANCA ao repeler no minuto 81 un disparo de Blanca.

O gol do partido chegou no minuto 90. Gómez gaña un balón practicamente no córner e saca un centro ao segundo pau que non acerta a despexar Inês Pereira. O balón cae a Laura Pérez que só ten que empuxar á rede mansamente.

Con 9 minutos de desconto Fran Alonso sacou toda a artillaría para polo menos tentar o empate: Magaia relevou a Ainhoa Marín e Elena, unha futbolista con bo trato de balón para as accións a balón parado, a Raquel. 

Con todo non houbo tempo e o choque concluíu con 1-0.

"Vasche con mal sabor de boca", conclúe Fran Alonso ante os medios de comunicación após subliñar que "non estivemos ben".

Granada CF: Laura, Blanca, Jujuba, Alba, Manoly (Clara, min. 83), Mingueza, Leles, Laura Pérez, Lauri, Gómez e Keefe (Postigo, min. 78)

Deportivo ABANCA: Inês Pereira, Samara, Barth, Raquel (Elena, min. 92), Vera, Lucía Martínez, Paula Gutiérrez (Lía, min. 82), Olaya, Ainhoa Marín (Magaia, min. 92), Espe Pizarro e Marisa (Bárbara, min. 59)

Árbitra: Ainara Andrea Acevedo Dudley, do comité catalán. Amoestou a Alba Pérez (min. 10), Vera (min. 20) e Blanca (min. 86)

Gol: 1-0 Laura Pérez (min. 90)

Incidencias: partido disputado na Cidade Deportiva do Granada CF correspondente á 23ª xornada de Liga F