RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
RCDEPORTIVO

As Nosas Cores: A DÉ América, primeira camiseta do Dépor 23-24

Kappa, patrocinador técnico do RC Deportivo, presenta hoxe, da man do Club, o primeiro equipamento do Dépor 2023-2024: "A DÉ América", un deseño exclusivo entre ambas as entidades evocando un feito histórico: a primeira xira do Dépor no continente americano hai 70 temporadas. 

O Deportivo cruzou o Océano Atlántico por primeira vez, no seu case medio século de existencia, para disputar sete encontros amigables en tres países: Uruguai, Arxentina e Brasil, ante clubs como Nacional, Peñarol, Rampla Juniors, River Plate de Uruguai, San Lorenzo, Flamengo e Fluminense, nunha viaxe que se prolongou durante mes e medio. Na expedición participaron varias lendas Deportivistas: Otero, Lestón, Zubieta, Cuenca, Botanita, Corcuera, Lechuga, Pahiño, Arsenio ou Dagoberto Moll. 

Precisamente Moll, o xogador uruguaio do Dépor, é aos seus case 96 anos, o protagonista do anuncio de lanzamento da camiseta que lembra a aquela que defendeu na súa terra en 1954. Xunto ao músico Deportivista Nano MZ, interpreta unha versión branquiazul de Volver, tango universal, banda sonora e expresión artística a ambos os dous lados do río da Prata.

A expedición coruñesa partiu en autocar desde o local do Club na Mariña, ás dúas da tarde do luns 14 de xuño de 1954, data que se lembra na etiqueta interior da peza, e o 4 de xullo, tal día como hoxe, de 1954, o equipo xogaba o seu primeiro partido en terras americanas no Estadio Centenario contra o Nacional de Montevideo, motivo da elección desta data para o lanzamento da camiseta. A etiqueta tamén fai alusión á data na que terminou a viaxe, o 31 de xullo de 1954 e reproduce dous dos estadios míticos nos que xogou o Dépor: o Centenario de Montevideo e Maracanã en Río de Janeiro (sede da primeira final dun mundial un e sede da final do mundial de 1950, o "Maracanazo", e recinto máis grande do fútbol durante décadas, o outro).

Tres raias verticais azuis e catro brancas no frontal compoñen unha parte dianteira da camiseta na que o escudo, de goma na parte esquerda, e o Omini de Kappa, en vermello na parte dereita, ocupan esa posición elevada distintiva de todas as pezas da marca italiana. A gran novidade son, esta temporada, os detalles da camiseta en mangas e cintura en negro, a xogo coas medias que levará o equipo toda a temporada, como o fixo o Dépor prácticamente desde a súa fundación até finais dos anos 50, co pantalón azul e esas medias negras, que lucirán un DÉ en branco na parte dianteira. O pescozo, en pico, reinterpreta o das camisetas que por aquel entón levaban os equipos como peza de xogo. O logo de Estrella Galicia completa, unha temporada máis, a parte dianteira da elástica.

 

Nas costas, o espazo reservado para o nome e o dorsal é integramente azul Dépor, co pescozo en branco e as raias branquiazuis na parte inferior. As aplicacións de marca DIGI e ABANCA nas partes superior e inferior, respectivamente, enmarcan a zona para o nome e o número que, unha temporada máis, construiranse coa tipografía Carme RCD do deseñador galego Rubén Prol.

A DÉ América, a primeira camiseta do Dépor para esta temporada, xa está a disposición do Deportivismo nas DéporTiendas de ABANCA-RIAZOR, Marineda City, rúa Real e en www.deportienda.es.

Fundada en 1967 en Turín por Maurizio Vitale, Kappa creou a súa primeira liña deportiva en 1978. Pouco despois foi a primeira marca en Italia en patrocinar un equipo de fútbol. Unha decisión estratéxica que a situou no mercado internacional. Nas Olimpíadas de Los Ángeles 1984 Kappa foi o patrocinador oficial do equipo de atletismo de Estados Unidos, cando Carl Lewis gañou catro medallas de ouro. Historia, deporte, tecnoloxía, innovación, deseño, estilo, orixinalidade, singularidade e futuro son os valores que definen a natureza da marca italiana que representan unha traxectoria repleta de fitos, como a creación da camiseta Kombat no 2000, a primeira que rompeu as regras do fútbol.