RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
RCDEPORTIVO

As Nosas Cores: Arsenio Estrela, primeiro equipamento do Dépor 24-25

Kappa, patrocinador técnico do RC Deportivo, presenta hoxe, da man do Club, o primeiro equipamento do Dépor 2024-2025: "Arsenio Estrela", un deseño exclusivo entre ambas as entidades que, como o segundo e o terceiro uniforme, está dedicado a Arsenio Iglesias, o personaxe con maior influencia directa no terreo de xogo nos 117 anos de historia do RC Deportivo.

Arsenio Estrela, o primeiro equipamento do Dépor para esta temporada, xa está a disposición do Deportivismo nas DéporTiendas de ABANCA-RIAZOR, Marineda City, rúa Real e en www.deportienda.es. Ademais, o primeiro equipo masculino vestira o equipamento por primeira vez esta mesma tarde, no encontro inaugural da pretemporada fronte ao Ourense CF.

O primeiro equipamento deportivista para esta temporada está inspirado nun dos máis distinguidos que vestiu Arsenio Iglesias como xogador. O 'Zorro de Arteixo' disputou 146 partidos oficiais co Dépor, nos que anotou 34 goles, entre 1951 e 1957. A camiseta, de franxas anchas e coa central en branco, ten o pescozo e os ribetes das mangas do mesma cor, aínda que nela predomina o azul.

Nas costas tamén impera o azul, cunha caixa para o número e nome do xogador e o logo de ABANCA. Na zona inferior asoman as franxas que dan continuidade ás da dianteira. O logo de DIGI pasa da parte superior das costas á manga esquerda.

Na parte interna do pescozo, a camiseta leva un rostro de Arsenio xunto ao nome do equipamento e a frase "Volve guiarnos".

O pantalón é totalmente azul e as medias, aínda que tamén son azuis, conservan a cor negra da temporada 2023-24, xa que nos tempos de Arsenio como futbolista o Dépor aínda usaba esa peza nese ton.

Fundada en 1967 en Turín por Maurizio Vitale, Kappa creou a súa primeira liña deportiva en 1978. Pouco despois foi a primeira marca en Italia en patrocinar un equipo de fútbol. Unha decisión estratéxica que a situou no mercado internacional. Nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 1984, Kappa foi o patrocinador oficial do equipo de atletismo de Estados Unidos, cando Carl Lewis gañou catro medallas de ouro. Historia, deporte, tecnoloxía, innovación, deseño, estilo, orixinalidade, singularidade e futuro son os valores que definen a natureza da marca italiana que representan unha traxectoria repleta de fitos, como a creación da camiseta Kombat no 2000, a primeira que rompeu as regras do fútbol.