RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

As Nosas pisarán mañá venres ABANCA-RIAZOR antes do partido do domingo no estadio ante o Deportivo Alavés Gloriosas

Irene Ferreras cambiou a planificación semanal con vistas ao partido deste domingo 12 de novembro ás 17:00 (Youtube RC Deportivo) en ABANCA-RIAZOR ante o Deportivo Alavés Gloriosas, correspondente á 8ª xornada en Primera Federación Iberdrola.

En lugar da Cidade Deportiva, a adestradora deportivista pisará mañá cos seus futbolistas o céspede de ABANCA-RIAZOR para unha sesión de adestramento que arrincará á hora habitual, as 10:00. O obxectivo é refrescar as sensacións para o escenario do encontro ligueiro despois do Trofeo Teresa Herrera do pasado mes de agosto.

Esta mañá, As Nosas (na foto da noticia) exercitáronse no campo principal de Abegondo nunha sesión táctica.

A adestradora deportivista quere ao seu equipo, líder da categoría, "cos 5 sentidos en facer cada unha o seu parte para que as cousas saian ben. E logo xa o fútbol falará, pero a realidade é que as sensacións son moi boas e o equipo está moi ben", concluíu a preparadora deportivista.

Durante estes días, ademais do lóxico traballo sobre o céspede, as futbolistas branquiazuis visitaron varios colexios da cidade como o Fogar de Santa Margarita; o CEIP Víctor López Seoane, neste último caso acompañadas tamén pola alcaldesa da Coruña Inés Rey; ou ao CEIP María Pita para animar á mocidade coruñesa a asistir ao partido. Para iso, as xogadoras repartiron invitacións entre os alumnos e alumnas.

Entradas dispoñibles para #ANOSAFORZA até o mesmo día do partido

O Club mantén activo o protocolo de acceso ao Estadio ABANCA-RIAZOR para #ANOSAFORZA.

A entrada é obrigatoria xa que ese día non se poderá acceder co carné de socio, seguindo un protocolo similar ao dos partidos do Dépor ABANCA e o Fabril na Cidade Deportiva de Abegondo.

Os abonados que desexen asistir ao encontro teñen até o propio día do partido para sacar de forma gratuíta a súa entrada a través da web bancada.rcdeportivo.es, onde poderán escoller asento xa que non terán asignado o seu.

Os socios e socias deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada. Con eses mesmos datos doutras acodes socias, unha única persoa pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión, até un máximo de 6 por operación, e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Presentando o DNI ou o abono, os socios e socias tamén poderán retirar a entrada na Oficina de Atención ao Deportivismo (OAD), na Avenida da Habana s/n, no seu horario habitual mañá venres de 10:00 a 13:30 e de 16:30 a 19:00;  e nos despachos de billetes do Palacio dos Deportes o sábado 11 de novembro desde as 16:00 até o descanso do partido do Dépor ante a SD Logroñés que empeza ás 19:00; e o domingo 12 desde as 15:00 horas até o descanso do encontro das Nosas.

Unicamente abrirase o anel inferior do Estadio ABANCA-RIAZOR, empezando polas bancadas de Tribuna e Preferencia, habilitándose o resto de bancadas de forma gradual no caso de que sexa necesario.

Para o público, as entradas terán un prezo de 5 euros, que se doarán integramente á Asociación Española Contra o Cancro (AECC), que ademais porá huchas por todo o estadio tanto neste partido como no do día anterior entre Dépor e SD Logroñés. As entradas poderán adquirirse até o propio día do partido a través de bancada.rcdeportivo.es; na OAD mañá venres de 10:00 a 13:30 e de 16:30 a 19:00; así como nos despachos de billetes do Palacio dos Deportes o sábado 11 de novembro desde as 16:00 até o descanso do partido do Dépor que empeza ás 19:00, e o domingo 12 desde as 15:00 horas até o descanso do encontro das Nosas.