Athenea del Castillo pasouse pola sala de prensa virtual do Real Club Deportivo após o seu regreso da concentración da selección española, con debut incluído o pasado venres ante a República Checa.
Confesa que "no momento no que me dixeron que ía saír íame o corazón a mil. Estaba como un flan, nerviosa; pero tiña ganas de saír e facelo ben. No momento no que pisei o campo os nervios fóronseme. Ao final do partido recibín bastantes felicitacións de xente á que quero. O primeiro que fixen foi chamar á miña familia".
Desta última concentración co equipo nacional, "o que máis me chamou a atención foi o grupo e como me acolleron desde o minuto cero que entrei alí. Non me esperaba iso para nada porque ao principio si tiña un pouco de medo: '¿como será todo? Non coñezo a ninguén, só a Teresa Abelleira'... Pero o grupo destaca pola súa calidade humana, sempre pendentes de min para todo o que necesitase".
Cre que a irrupción das máis novas na categoría absoluta, caso da ex deportivista Teresa Abelleira ou a propia Athenea "é bo para o fútbol feminino e para as que somos novas. O traballo que estabamos a facer en categorías inferiores veunos ben para que Jorge (Vilda, seleccionador) vexa que estamos aí, que podemos ser o futuro para esta selección".
Apunta que "calquera do Dépor ABANCA podería ir á selección absoluta porque son grandes profesionais. Todo o que conseguimos até agora conseguiuno o grupo".
A atacante do Deportivo ABANCA considera que na Primera Iberdrola "aínda que non empezamos con bo pé estou a nivel individual bastante participativa. Estou a tentar axudar ao equipo en todo o que podo. Este equipo ten moito que dar. Non empezamos da maneira que nos gustou pero imos levantar esta situación. Somos un equipo e ímolo a levantar. Temos grandes xogadoras e ímolo a facer. O importante é corrixir erros e a partir de aí seguir traballando para sacar os mellores resultados".
A nivel individual, "espero unha temporada bastante bonita. Xa é a miña segunda temporada aquí, a adaptación está a nivel óptimo. Tentarei dar o mellor de min tanto con goles, asistencia e traballo".
Asegura que de cara á próxima cita ligueira, este sábado 31 de outubro en Abegondo ante o CD Santa Teresa (13:00 horas), o vestiario do Dépor ABANCA está "coa ilusión intacta. Despois do partido ante o RCD Espanyol fómonos un pouco fodidas porque as sensacións foron mellores que noutros partidos, xeramos cousas e diminuímos os erros que estabamos a cometer". "O equipo segue coa fe e a ilusión intacta porque o fútbol son refachos. Tivemos unha mala serie pero mellor veña agora que despois. O equipo vaise a levantar", insiste.
Recalca que "as derrotas non pesan porque o fútbol son boas e malas series. Estamos nunha pequena mala serie pero eu creo que o importante era corrixir erros e a partir de aí os resultados volverían chegar. Creo que (o do sábado 31 en Abegondo) vai ser un partido bastante complicado pero sorte temos de xogalo na nosa casa".



