RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Athenea del Castillo, citada para dous amigables coa selección española absoluta en Alcorcón

A xogadora do Deportivo ABANCA Athenea del Castillo foi citada para dous partidos amigables da selección española absoluta aproveitando a data FIFA deste mes de xuño.

O combinado nacional feminino medirase a Bélxica o xoves 10 de xuño (20:00 horas) e a Dinamarca o martes 15 (19:30) no Municipal de Santo Domingo (Alcorcón).

A centrocampista branquiazul, que recibiu en marzo o premio Fútbol Draft de Oro 2019-2020 como interior dereita pola súa irrupción en Primera Iberdrola a pasada temporada, fixo historia o pasado 23 de outubro de 2020. No Estadio de La Cartuja de Sevilla, Athenea foi a primeira xogadora do Deportivo ABANCA en debutar na selección española absoluta, e con tan só 19 anos.

Corría o minuto 87 do encontro clasificatorio para a Eurocopa entre España e a República Checa. O partido estaba sentenciado (4-0) a favor das españolas. O seleccionador Jorge Vilda ordenou saltar ao campo a Athenea en substitución da futbolista azulgrana Mariona Caldentey.

Oito meses despois, e entremedias cun paso efémero pola selección sub-20 para uns adestramentos, Athenea regresa ao equipo nacional absoluto. As súas boas actuacións co Dépor ABANCA teñen premio.