Diego Caballo compareceu esta mañá na sala de prensa de Abegondo para atender aos medios de comunicación.
O lateral esquerdo deportivista considera "especial" o encontro do próximo domingo (17:30 horas, LaLiga 1|2|3 TV) fronte ao CD Lugo "porque é un derbi", aínda que matiza que "nós afrontamos os partidos como un máis e o seguinte que vén sempre é o máis importante".
Sobre o próximo rival, Caballo analizou que "é un equipo que compite moi ben, que ten as cousas moi claras e que vai ser moi difícil de gañar".
Vista a igualdade no alto da clasificación practicamente no ecuador do campionato, Caballo destaca a dificultade de sacar adiante cada partido. "Non creo que sexa a diferenza de clasificación o que faga que un partido sexa máis ou menos difícil. Estamos a ver que calquera equipo che pode complicar as cousas ou che pode gañar. A clasificación engana moito", sentenciou.
Facendo balance do ano 2018 individualmente falando, Caballo non tivo dúbidas. "É fácil de valorar. Foi un ano moi bonito en todos os aspectos. Cheguei a xogar outro ascenso co Fabril como fixen co Mestalla. E despois, a oportunidade de xogar no primeiro equipo. Pouco máis hai que dicir", esgrimiu.
Cuestionado polo último partido de 2018, no que o Dépor sufriu unha contundente derrota en Cádiz, o xogador salmantino respondeu categoricamente. "No último partido non estivemos afortunados no resultado. O resultado non se asemella ao que foi o partido, aínda que é verdade que o Cádiz nas áreas foi mellor que nós", destacou.
Acerca da alternancia con Saúl no lateral esquerdo, advirte que esa situación é positiva porque fai mellorar a ambos. "Con Saúl, o intento de conseguir o posto é beneficioso para os dous. Estar a entrando e saíndo é o que che fai estar activo durante toda a semana", analizou.
Preguntado polos últimos resultados do equipo, con 4 puntos gañados dos últimos 9 disputados, o zurdo castelán non tivo reparos en afirmar que "falar de fochanca é bastante esaxerado. Os resultados son os que son, non sempre se pode estar igual de ben. Aos poucos irán mellor as cousas".