Dani Giménez segue "crendo moito neste equipo" e Christian pide "estar xuntos máis que nunca"
Dani Giménez, un dos capitáns, e o goleador esta tarde Christian Santos atenderon aos medios de comunicación na zona mixta de ABANCA-RIAZOR.
O meta deportivista, preguntado sobre o seu erro que supuxo o segundo tanto do Extremadura UD, apunta que "os porteiros vivimos con iso. Tes que dar exemplo ao resto do equipo de ser forte mentalmente e de que cando pasen estas cousas malas tirar para adiante. É o que me fixo chegar aquí".
Cre que hai "moitas causas" que poden explicar a mala serie de resultados do equipo: "O rendemento individual non é bo. Eu tiven un erro dos que temos os porteiros de cando en vez. Agora é cando hai que demostrar o seguinte partido que non che afecta. O equipo está a ter resultados negativos, ás veces con xogo que é o que non esperamos, e pouquiño a pouco vainos minando. Isto non é así, cada partido é un partido distinto".
Dani Giménez cre que a clasificación "é a que nos merecemos a día de hoxe". No entanto, insiste en que "creo moito no equipo"; iso si, "sendo realistas, a pelexar polo playoff. E vai ser unha pelexa moi difícil".
Cualifica o grupo de "moi bo", pero "quizais demasiado homoxéneo en canto a dar ese paso adiante todos. Non é unha procura de líder, porque se demostrou que estar a tirar 2 ou 3 xogadores non fai que todo o equipo vaia detrás, pero si dun liderado individual de cada un, de que teño que facelo o mellor posible e tolerar o erro. Se dás un pase malo, ao seguinte hai que facelo bo".
Pola súa banda, Christian Santos recoñece que o Dépor "está nun momento difícil. Hai que manter a calma, estar xuntos, falar, dicir as cousas".
O internacional venezolano pide "estar xuntos máis que nunca e tratar de sacar o partido do venres adiante".