RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content

Deportivo 0 - Manchester 2<br>A eliminatoria costa arriba

O Deportivo na primeira parte, a pesar de xogar uns bos minutos, non podía evitar os dous goles dos ingleses, primeiro Beckham no 15 e logo Van Nistelrroy no 41. Na segunda parte o Deportivo tentouno pero non conseguiu levar perigo á meta de Barthez.


Tras uns primeiros minutos con aproximacións de ambos os equipos o Manchester atoparía o camiño do gol no minuto 14 da primeira parte. Desde fóra da área Beckham proba o disparo cruzado á escuadra dereita de Molina quen non pode facer nada por evitar o gol.


Tras o gol o Deportivo veu arriba e impuxo o seu xogo. Así primeiro Tristán disporía dunha ocasión clara cando case consegue rematar na área pequena no minuto 24. No 25 nunha xogada de Víctor, Tristán e Valerón os deportivistas reclamarían penalti sobre o xogador canario. No 26 Víctor sacaba un córner e en rexeite Sergio disparaba desde fóra da área pero rexeitaba a defensa. O dominio deportivista continuaba e no 34 Tristán de cabeza obrigaba a Barthez a empregarse a fondo.


Cando parecía que o Deportivo ía conseguir o empate Van Nistelrroy remataba na área pequena un centro por banda esquerda e subía o segundo do Manchester ao marcador. Na seguinte xogada tiña que retirarse lesionado Keane e entraría no seu lugar Fortune.


Na segunda parte o Deportivo continuou no seu empeño pero nos primeiros minutos as ocasións claras foron para o Manchester que puido marcar o terceiro. No minuto 60 Makaay entraba por Fran e no 68 Djalminha por Valerón. Con todo, aínda que o Deportivo cada vez tiña maior control do balón, as ocasións claras non chegaban e o Manchester creaba moito perigo á contra, inluso César sacaba baixo paus unha ocasión e Solksjaer disparaba noutra ocasión ao pau.

Finalmente Duscher entraría por Víctor e aínda que disporía dunha ocasión non se conseguía marcar e terminaba o encontro tras 5 minutos de desconto.

Polo Deportivo saíron de inicio: Molina, Romeu, Naybet, César, Mauro Silva, Tristán, Fran, Scaloni, Sergio, Víctor e Valerón. Mentres que polo Manchester fixérono: Barthez, Neville, Johnsen, Blanc, Beckham, Butt, Van Nistelrroy, Giggs, Keane, Scholes e Silvestre.