O Dépor ABANCA caeu este domingo 21 de setembro por 4-0 no Estadio Alfredo Di Stéfano ante un Real Madrid CF que encarrilou o choque con 2 goles nos primeiros 10 minutos.
Fran Alonso admitiu nas declaracións pospartido que foi "un día duro para nós. Tiñamos moita ilusión de facer un bo partido, tiñamos un bo plan de partido e aos 2 minutos xa cometemos un erro. Marcáronnos o primeiro gol e mostrámonos con moita menos confianza da que levabamos tendo".
Con este resultado, As Nosas quedan con 5 puntos na 9ª posición da Liga F.
Foron baixa para o encontro as lesionadas Millene, Espe Pizarro e Raquel, neste caso con molestias musculares na súa perna esquerda.
Paula Novo e Redru, ambas as titulares, foron as representantes de ANOSACANTEIRA.
O partido comezou da peor maneira para As Nosas.
Aos 2 minutos o Real Madrid progresa por banda dereita, Redondo remata ao pau dereito da portería de Inês Pereira e Weir recolle o rexeite para lograr o primeiro.
Sen tempo para a reacción, Eva Navarro asiste a Däbritz ao espazo e a madridista bate a Inês Pereira no man a man.
Este novo mazazo deixou noqueado ao Dépor ABANCA, que apenas se achegou á meta de Frohms.
De feito, Däbritz probou fortuna de novo nun novo remate dentro da área que salvou Inês Pereira.
As madrileñas quedaron cunha futbolista menos no campo no minuto 32. Shei tenta cortar un contragolpe de Olaya coa perna levantada nunha posición moi perigosa. A colexiada Elena Peláez non dubidou en mostrar a vermella directa á futbolista branca.
A pesar diso, o partido non cambiou de rumbo na primeira metade.
Após o paso polos vestiarios, Fran Alonso dá entrada a Henar e Vera por Marina Artero e Redru.
O segundo tempo arrinca cun tiro franco de Olaya que se marcha moi alto. Non era a tarde das Nosas.
Aínda por riba, aos 53 minutos, Däbritz escápase por velocidade da defensa deportivista e sobe o 3º ao marcador.
Respondeu Olaya nun chute desde a frontal que se vai ás mans da porteira Frohms.
O Dépor ABANCA quedou sen resposta a pesar de contar cunha futbolista máis sobre o céspede.
Co partido sentenciado e no desconto, a ex deportivista Athenea marcou o seu gol, o 4º do seu equipo, ao rematar á rede sen oposición un pase da morte de Linda Caicedo.
Esta temporada As Nosas vólvense sen carga de Madrid.
Real Madrid CF: Frohms, Shei, Lakrar (Silvia Cristóbal, min. 60), María Méndez, Holmgaard, Angeldahl (Bennison, min. 80), Weir (Linda Caicedo, min. 71), Däbritz, Eva Navarro (Feller, min. 60), Athenea e Redondo (Antonia, min. 60)
Deportivo ABANCA: Inês Pereira, Marina Artero (Vera, min. 46), Paula G. (Lucía Martínez, min. 68), Olaya, Ainhoa Marín, Marisa, Bárbara (Monteagudo, min. 68), Elena (Eva Dios, min. 81), Barth, Paula Novo e Redru (Henar, min. 46)
Árbitra: Elena Peláez Arnillas, do comité castelán-leonés. Amoestou a Angeldahl (min. 66) e a Elena (min. 75). Expulsou con cartolina vermella directa a Shei (min. 32) por unha acción perigosa ante Olaya
Goles: 1-0 Weir (min. 2); 2-0 Däbritz (min. 10); 3-0 Däbritz (min. 53); 4-0 Athenea (min. 90+2)
Incidencias: partido correspondente á 4ª xornada de Liga F disputado no Estadio Alfredo Di Stéfano. Antes de comezar, o Real Madrid CF homenaxeou ás campioas de Europa sub-19, entre elas a dianteira deportivista Marisa
