RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FUNDACIÓN

Día grande, mañá venres, coa celebración do XVIII Torneo RC Deportivo en Abegondo

O RC Deportivo organiza un ano máis, seguindo a tradición, mañá 17 de maio, Día das Letras Galegas, o seu torneo de categorías Benxamín e Prebenxamín.

O Torneo RC Deportivo faise maior, pois en 2024 cumpre a súa XVIII edición. Desde 2004, fóra de 2020, 2021 e 2022 debido á pandemia mundial de COVID-19, a Cidade Deportiva de Abegondo acolle a gran festa do fútbol base galego, cun torneo que pode considerarse como o campionato rexional oficioso en ambas as categorías.

O torneo resultou, unha vez máis, un éxito a nivel participativo posto que se inscribiron nada menos que 160 equipos: 88 en categoría Benxamín e 72 en Prebenxamín.

O calendario de competición xa quedou confeccionado hai dúas semanas. Todos os participantes e os seus familiares poden consultalo a través da app OWQLO. Nesta ligazón (só para teléfono móbil) ou nos códigos QR que se poderán escanear en paneis instalados en diversas localizacións da Cidade Deportiva, tanto os adestradores dos equipos como os acompañantes dos xogadores e xogadoras terán acceso directo desde os seus teléfonos móbiles aos horarios e campos dos partidos e aos resultados dos mesmos a medida que os encontros vaian finalizando.

O XVIII Torneo RC Deportivo conta co patrocinio de Gadis, Kappa, Cabreiroá, Auga de Parada, La Santa Bar e Ontime.

A previsión, como case todos os anos, é que ao redor de 10.000 persoas, entre xogadores, xogadoras, corpos técnicos e acompañantes, pasen pola Cidade Deportiva ao longo do día. Por iso, o RC Deportivo destinará novamente o campo de herba artificial a zona de restauración e lecer.

Plano para acceso con vehículo á Cidade Deportiva de Abegondo

O RC Deportivo, con 5 títulos, é o dominador do palmarés en categoría Benxamín. En categoría Prebenxamín, que se disputa desde 2015 xa que con anterioridade celebrábase un torneo Alevín (con 8 triunfos deportivistas en 11 edicións), ninguén conseguiu repetir vitoria, con éxitos do Victoria CF, ED Val Miñor Nigrán, SD Cristo de la Victoria, EF Luis Calvo Sanz, CD Calasanz e UD Mos.

/* Bot imbee */