RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ANOSACANTEIRA

Diego Gómez, deportivista até 2028

Diego Gómez Pérez (Amoeiro, Ourense, 31 de xullo de 2004) asinou a prolongación do seu contrato co RC Deportivo até xuño de 2028.

O extremo ourensán chegou ao Club no verán de 2019 procedente do Pabellón CF Ourense para incorporarse ao Cadete A branquiazul.

Na súa segunda temporada en Abegondo, Diego Gómez pasou ao Xuvenil B, aínda que Óscar Gilsanz contou con el en 2 partidos co Xuvenil A que acabou conquistando a segunda Copa de Campións de División de Honra das vitrinas deportivistas. Na súa terceira campaña, o futbolista amoeirés participou en 3 dos 5 encontros (todos saíndo desde o banco) que o Deportivo disputou na UEFA Youth League, incluído o da eliminación ante o FC Dynamo Kyiv, ante o que marcou o seu penalti na quenda.

Diego Gómez cumpre o seu primeiro ano senior, despois de xogar unha temporada completa co Fabril (27 partidos, 25 como titular e 6 goles) en Tercera Federación no seu último ano en idade xuvenil. O xogador ourensán mesmo debutou co filial deportivista o curso anterior, 2021-22, no seu segundo ano xuvenil.

Na presente campaña, a pesar de sufrir unha lesión que o mantivo apartado dos terreos de xogo durante máis de tres meses, Diego Gómez xogou 10 partidos co Fabril en Segunda Federación, 9 deles como titular, nos que marcou 5 goles. Ademais, o 23 de setembro do pasado ano debutou co primeiro equipo en partido oficial, no choque da 5ª xornada do grupo 1 de Primera Federación ante o UE Cornellà (1-1) en ABANCA-RIAZOR.

A renovación de Diego Gómez súmase ás asinadas nos últimos meses por Mella, Dani Barcia, Brais Suárez, Martín Ochoa e Iano (2026), Yeremay (2026 e un ano máis automático en caso de ascenso a Segunda esta temporada ou a próxima), Kevin e Rubén López (2028), nunha clara mostra da confianza do Club no bo traballo realizado na Cidade Deportiva de Abegondo.