RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

O Fabril mide a súa madurez no Helmántico ante o Salamanca CF UDS, un "equipo histórico, que leva afección e que aínda encima está arriba"

O Fabril cítase mañá domingo 8 de decembro ás 17:00 co Salamanca CF UDS nun dos campos históricos do fútbol español, o Helmántico.

"É un equipo histórico, que leva afección e que aínda encima están arriba", advertiu Manuel Pablo na sala de prensa de Abegondo.

O filial, que a fin de semana pasada dobregou en Abegondo (2-1) ao UD Llanera, chega a esta 15ª xornada en 7ª posición con 22 puntos e un partido menos xogado, o aprazado ante o Bergantiños CF que se xogará o próximo 18 de decembro ás 20:00 horas nas Eiroas.

Tal e como explicou o técnico fabrilista, "recuperamos a Mardones, seguimos perdendo a Luisao (sancionado) e como todas as fins de semana dependemos un pouco do primeiro equipo, que está a recuperar xente".

A estas ausencias hai que sumarlles as de Quique Teijo e Noé, que "van para despois das vacacións de Nadal", apostilou Manuel Pablo.

O vestiario fabrilista celebra a convocatoria de Pablo García pola selección española sub-17 para disputar dous amigables ante Xapón a próxima semana.

Pola súa banda, o Salamanca CF UDS, que a pasada fin de semana caeu (3-1) co Pontevedra CF, é 5º na táboa con 23 puntos.

Esta semana ademais o conxunto charro tivo competición de Copa no Helmántico ante o RC Celta: 0-7. De feito, Manuel Pablo confesou porlle esta semana aos seus futbolistas en Abegondo "o recibimento que lle deu a súa afección antes do partido de Copa".

No seu campo esta campaña o Salamanca CF UDS gañou ao CD Laredo (5-1) e Real Ávila CF (2-1); empatou co Real Avilés Industrial (0-0), CD Numancia de Soria (1-1) e SD Compostela (2-2); e caeu co Rayo Cantabria (0-3) e Bergantiños CF (1-5).

O seu técnico, Jehu Chiapas, lembra que "o importante é a liga" e pide "seguir na boa liña, pegados aos postos de arriba; mentalizados, focalizados en que é o que nos toca. Necesitamos unha boa actuación, un bo partido e darlle unha vitoria á nosa xente". 

Do Fabril resalta que "é un equipo novo, dinámico, que transita ben. Na súa última saída gañou ao Avilés. É un equipo duro dos que están aí arriba na categoría".