RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Empate branquiazul ante o Sestao (1-1)

O Dépor non puido dar continuidade ao seu triunfo en Barcelona ao sumar un novo empate en ABANCA-RIAZOR, esta vez ante un Sestao River Club que se adiantou no marcador mediado o primeiro tempo e ao que, a pesar de lograr o empate con celeridade, os branquiazuis non conseguiron derrotar.

Imanol Idiakez, adestrador deportivista, realizou un só cambio con respecto ao equipo inicial que presentou o pasado domingo no Estadi Johan Cruyff, na vitoria fronte ao FC Barcelona Atlètic. Dani Barcia ocupou a posición no centro da zaga de Pablo Martínez, sancionado por acumulación de amoestacións.

Dépor e Sestao volveron verse as caras case 33 anos despois do seu último partido, que databa do 3 de marzo de 1991, na temporada en que os branquiazuis lograron o ascenso a Primeira após 18 anos afastados da máxima categoría. Naquela ocasión, o Deportivo impúxose cun solitario gol de Peio Uralde.

Durante os primeiros minutos, o Dépor mantivo o control do partido, pero apenas penetrou con perigo na área sestaotarra. Un par de balóns en profundidade non atoparon o control ou o remate de Diego Villares por escasos centímetros.

A primeira oportunidade clara non chegou até o minuto 19. Lucas roubou a pelota no lateral dereito ao central Camero, meteu o balón no corazón da área para Davo pero Diego Villares interpúxose no pase, controlou o balón, e cando serviu para o asturiano a defensa visitante xa se refixo e puido afastar o perigo.

No minuto 26, de novo Lucas iniciou a acción cun centro desde a dereita do ataque coruñés a perna cambiada. Davo non chegou a cabecear ao bordo da área pequena e o balón caeu no segundo pau, onde chegou Diego Villares, que estrelou o seu zurdazo no exterior da rede.

Pouco despois, Guruzeta atopou o camiño despexado polo centro do campo, conduciu o balón durante 20 metros e serviu con facilidade en profundidade cara ao extremo esquerdo. Aranzabe controlou en carreira e disparou cruzado ao fondo das mallas para abrir o marcador. Foi o sétimo gol marcado polo conxunto biscaíño en 16 xornadas.

O Dépor non acusou o golpe a pesar de escoitar algúns pitos, sobre todo en senllos pases cara atrás de Salva Sevilla. Pero o almeriense resarciuse rapidamente, poñendo un centro medido ao segundo pau que rematou Balenziaga con virulencia coa esquerda, lanzándose ao chan, imparable para Sergi, que serviu para igualar o marcador.

A pesar do seu maior control da posesión, o Deportivo non foi capaz de fincar o dente ao Sestao River Club na segunda metade. De feito, a primeira ocasión clara trala reunudación tívoa o equipo vasco. No minuto 55, Jon Cabo conduciu un contragolpe, após recuperar a pelota nun córner a favor do Dépor, e correu só pola dereita case 80 metros antes de sacar un potente dereitazo que desviou a córner Germán coa súa man esquerda.

Os branquiazuis tentárono de todas as maneiras, pero non atoparon o camiño do gol, nin sequera o camiño das ocasións de gol. Un disparo afastado de Yeremay que atrapou facilmente Sergi cando o cronómetro superaba o minuto 80 foi o único lanzamento en toda a segunda parte até o tempo de prolongación. No primeiro minuto do mesmo, Jose Ángel tivo a ocasión de deixar os tres puntos na Coruña. O mediocentro atopouse cun balón solto ao bordo da área pequena á saída dun córner, pero rematouno co exterior da súa bota esquerda ás nubes.

Con este novo empate, o oitavo da temporada, o Dépor suma a súa quinta xornada consecutiva sen coñecer a derrota (dúas vitorias e tres igualadas), para alcanzar os 23 puntos despois de 16 xornadas.

RC Deportivo: Germán, Paris Adot, Pablo Vázquez, Dani Barcia, Balenziaga (Cayarga, min. 85), Salva Sevilla (Hugo Rama, min. 59), Jose Ángel, Diego Villares (Kevin, min. 77), Davo (Mella, min. 59), Lucas (Pablo Valcarce, min. 85) e Yeremay.

Sestao River Club: Sergi, Markel, Camero, Gaizka Martínez, Álvaro Mateo, Guruzeta (Del Río, min. 77), Armando, Jon Cabo (Ibai Sanz, min. 90+1), Uriarte (Gete, min. 65), Aranzabe (Mirapeix, min. 90+1) e Leandro (Carbonell, min. 65).

Goles: 0-1 Aranzabe (min. 28); 1-1 Balenziaga (min. 35).

Árbitro: Jaime Ruiz Álvarez (c. asturiano). Non mostrou ningún cartón amarelo.

Incidencias: partido correspondente á 16ª xornada do grupo 1 de Primera Federación disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 17.950 espectadores.

📸 GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK