Os Nosos pecharon a 3ª xornada en LaLiga Hypermotion cun traballadísimo empate a dous goles ante o CD Leganés en Butarque este luns 1 de setembro.
Na rolda de prensa pospartido, Antonio Hidalgo valora o resultado como "moi positivo" despois de que o equipo chegase a ir por detrás no marcador cun 2-0.
O partido estivo condicionado por un tanto de Miguel aos 15 segundos de encontro, ademais sacando o Dépor de centro.
Desta forma, o conxunto de Antonio Hidalgo suma 5 puntos,situado na 8ª posición de LaLiga Hypermotion.
As baixas nesta xornada foron a de Jose Ángel por lesión e Lucas Noubi, que viaxou onte domingo á concentración da selección belga sub-21 para disputar un partido ante Bielorrusia clasificatorio para o campionato de Europa da categoría.
A novidade na convocatoria foi a presenza do fabrilista Mane ademais de Samu. "Estamos a velo, estamos a coñecer ao mozos do filial", declarou o preparador deportivista na rolda de prensa previa. En Leganés non chegou a saltar ao terreo de xogo.
O encontro en Butarque chegou após unha semana na que o Club reforzou a parcela atacante coas fichaxes do dianteiro italiano procedente do Sassuolo Samuele Mulattieri e do atacante gaditano Juan Diego Molina Martínez, coñecido no mundo do fútbol como Stoichkov; e concretou as saídas de Denis Genreau, Bouldini, Diego Gómez e Martín Ochoa, estes dous últimos nos minutos previos ao choque.
Os branquiazuis arrincaban o encontro con 4 puntos, froito do seu triunfo en Granada (1-3) e o seu empate en ABANCA-RIAZOR ante o Burgos CF.
Pola súa banda, os madrileños, un dos recentemente descendidos de LaLiga EA Sports, comezaban a xornada con 2 puntos após os empates en Huesca (1-1) e ante o Cádiz (1-1).
Antonio Hidalgo dispuxo un once co mesmo esquema (3 centrais e 2 carrileros) pero cun só cambio respecto ao que arrincou o encontro ante o Burgos CF a pasada fin de semana en ABANCA-RIAZOR. Mella substituíu a Luismi Cruz no carril dereito.
O partido empezou da peor forma posible para os deportivistas. O equipo perde o balón ao sacar de centro, Duk recibe un balón longo ás costas da defensa, Germán acerta no man a man pero Miguel remata á rede o rexeite do porteiro do Dépor.
Germán ademais viuse obrigado a ser asistido durante varios minutos após a acción ao chocar co centrocampista da 'Lega'.
A primeira oportunidade para o Dépor foi de Yeremay. O atacante canario vaise por velocidade da defensa pepinera pero o seu remate foise desviado da portería de Juan Soriano. Corría o minuto 12.
Ao cuarto de hora, Eddahchouri gaña un balón na zona de tres cuartos e cede de novo a Yeremay, que esta vez se atopa co corpo de Juan Soriano.
O saque de esquina posterior, lanzado por Escudero, obrigou de novo ao porteiro madrileño a empregarse a fondo posto que se coaba directo.
Apertaba o Dépor. Mella mete un gran pase a Villares e de novo salvou Juan Soriano esta vez por abaixo.
Aos 19 minutos, Mella conduce unha contra pero Eddahchouri comete falta co seu par antes de rematar, o que invalidou a acción.
Loureiro proba fortuna desde a frontal pouco despois. O seu chute saíu demasiado alto.
O Dépor deu decididamente un paso adiante en busca do empate.
"Na primeira media hora tivemos ocasións suficientes como para poder empatar", declarou Antonio Hidalgo.
Os locais tentaron sacudirse o dominio do Dépor. E conseguírono.
Millán buscou unha chilena imposible na área pequena sen problemas para Germán.
Case á media hora, Miguel de la Fuente non controlou na área deportivista un balón que a zaga do Dépor sacou con apuros.
No outro área, Loureiro cabecea alto un saque de esquina de Escudero.
Golpeou por segunda vez o CD Leganés pasada a media hora. Duk remata á rede un balón solto na área deportivista após un saque de esquina que non foi capaz de despexar a defensa do Dépor.
De novo Duk xutou desde a frontal aos 37 minutos. Parou Germán un balón raso perigoso.
Volveu coller as rendas do partido o CD Leganés, que buscaba certificar a súa primeira vitoria en LaLiga Hypermotion.
Iso si, a pesar de roldar a área deportivista, o marcador xa non se movería na primeira metade.
"O mellor que nos puido pasar foi chegar ao descanso", admitiu o preparador deportivista sobre o sufrimento na recta final da primeira parte.
Após o paso polos vestiarios Antonio Hidalgo empezou a mover o banco.
Ximo Navarro, Stoichkov e Mulattieri relevaron a Comas, Gragera e Eddahchouri.
Cos cambios, o Dépor pasou a liña defensiva de 4, con Mulattieri e Stoichkov agora como referencias ofensivas.
O primeiro disparo da segunda metade foi para o local Naim. Raso abaixo atallou ben Germán.
Respondeu Escudero cunha falta fose da área que sacou con certos apuros Juan Soriano.
A mellor xogada de ataque do Dépor, aos 57 minutos, resolveuna Yeremay cun disparo ás mans de Juan Soriano.
Pouco despois, Mulattieri non precisa a súa cabezada após un centro de Yeremay.
Tentaba o Dépor crear perigo cun once aínda máis ofensivo coa entrada de Luismi Cruz por Escudero.
"Metemos todo o que tiñamos. Empezamos a ter máis balón, a empuxar, a sacar centros por fóra", apuntou o adestrador do Dépor ante os medios de comunicación.
Mulattieri recortou diferenzas aos 72 minutos ao cabecear á rede un centro de Mella desde a banda esquerda.
Os últimos minutos foron de abafo deportivista ante un CD Leganés replegado.
Aos 82 minutos, Stoichkov non precisou o seu disparo na área madrileña.
Empatou o Dépor no 85. Mulattieri é agarrado claramente na área do CD Leganés cando o italiano ía rematar un centro de Yeremay.
O canario, con frialdade, transforma a pena máxima sen darlle opcións ao porteiro rival.
Nas botas de Juan Cruz estivo a última ocasión do CD Leganés que parou Germán.
E no outro campo Yeremay xutou fóra após unha boa combinación con Stoichkov.
Aí acabouse un partido que acabou nun empate que sabe case a triunfo.
"Estou moi orgulloso dos meus xogadores por non renderse nunca, loitar, por estar sempre no partido", concluíu Antonio Hidalgo.
CD Leganés: Juan Soriano, Marvel, Jorge Sáenz, Lalo, Peña, Cisse, Miguel (Diego, min. 77), Duk (Melero, min. 62), Naim, Millán (Juan Cruz, min. 62) e Diawara (Óscar Plano, min. 62)
Deportivo: Germán, Mella, Loureiro, Comas (Ximo Navarro, min. 46), Barcia, Escudero (Luismi Cruz, min. 66), Gragera (Stoichkov, min. 46), Villares (Patiño, min. 66), Mario Soriano, Yeremay e Eddahchouri (Mulattieri, min. 46)
Árbitro: Dámaso Arcediano, do comité castelán-manchego. Amoestou a Diawara (min. 35), Yeremay (min. 51), Stoichkov (min. 58), Duk (min. 58), Jorge Sáenz (min. 80), ao técnico Paco López (min. 88) e Luismi Cruz (min. 45+3)
Goles: 1-0 Miguel de la Fuente (min. 1); 2-0 Duk (min. 33); 2-1 Mulattieri (min. 72); 2-2 Yeremay (min. 86)
Incidencias: Encontro da 3ª xornada de LaLiga Hypermotion disputado en Butarque con apoio desde a bancada posto que as entradas que o Dépor sacou á venda cedidas polo CD Leganés esgotáronse en poucas horas
