RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Empate que sabe a pouco ante o Espanyol (2-2)

Após a gran vitoria en Abegondo da semana pasada, Irene Ferreras só realizou dous cambios para afrontar o partido na Cidade Deportiva Dani Jarque: Lucía por Yohana na portería e Laura Fernández por Eva Dios no terzo de ataque.

O Dépor ABANCA buscaba os 3 puntos para asaltar, aínda que puidese ser de forma provisional por unhas horas, o liderado da categoría.

O partido comezou tranquilo e controlado polo Dépor ABANCA pero complicouse nunha saída desde atrás do balón. A recuperación perica serviu para que a capitá local, desde a frontal, por alto e por todo o recanto, anotase o golazo que cambiaba o aspecto que tiña o encontro entre o asubío inicial e o minuto 8. Unha tendencia que se mantivo durante todo o choque.

Pese ao claro dominio e control deportivista do xogo houbo que esperar ao minuto 19 para o primeiro disparo coruñés. Chegou por mediación de Carlota Suárez que conduciu até a frontal para rematar, lixeiramente alto, co exterior do seu pé dereito. Dous despois, mentres a tribuna homenaxeaba a Dani Jarque como cada minuto 21, Ainhoa Marín fixo unha diablura en liña de fondo para centrar. O remate á media volta de Laura Fernández interceptouno sobre a liña Andrea Crespo.

Adriana fixo estirarse a Lucía nun lanzamento de falta perigoso que se acabou marchando desviado. A piques de chegar á media hora o Dépor sorprendeu ao Espanyol nun centro de Paula cara a Laura que botou antes de chegar á posición da dianteira e que sorprendeu por arriba á gardameta local para pór, con xustiza polo dominio, as táboas no marcador.

O Espanyol tivo o segundo na cabeza de Adriana nun centro de Nuria desde a dereita que rematou, con toda a portería para ela e a contrapé de defensa e porteira, directamente fóra.

Máis clara foi a que tivo o Dépor ABANCA na primeira xogada do segundo tempo cando Laura levou o balón até a frontal da área pequena e, xenerosa, cedeu para que Carlota puidese rematar a porta baleira, só cunha defensa entre ela e a liña de gol, que foi capaz de evitar o segundo tanto deportivista. No remate final da xogada a propia Carlota solicitou un posible penalti cando buscaba un segundo disparo mentres que o balón saía lixeiramente desviado no tiro definitivo de Paula.

Tamén se lle marchou desviado a Charle antes de que, como na primeira parte, o Espanyol se adiantese de novo no marcador a pesar de que o dominio absoluto do partido era deportivista. Unha rápida contra pola esquerda, con centro ao punto de penalti cara a Judit Pablos, acabou sendo arrastrado dentro da portería por Samara Ortiz para dar vantaxe, de forma desgraciada e completamente inxusta, ao equipo local.

Por sorte o Dépor ABANCA reaccionou rápido e cunha gran e rápida xogada colectiva tamén pola esquerda, o centro de Cris atopou o bo movemento dentro da área de Carlota Suárez para rematar de primeiras e anotar o seu cuarto gol en dous partidos, o segundo das Nosas hoxe ante o Espanyol.

Só Adriana Martín, raso e frouxo ás mans do Lucía, inquietou no tramo final do partido mentres que o Dépor ABANCA seguía buscando, sen demasiada claridade nos metros finais, o gol da vitoria. Paula en xogada ensaiada para Millene, que rematou desviado no segundo pau, e Samara xutando alto, puxeron o epílogo a un partido no que o empate non reflicte o despregamento futbolístico do Dépor ABANCA en Barcelona.

RCD Espanyol: Crespo, Caracas, Martínez, Guerra, Extremera, Chini, Baudet, Pablos, Marín, Adriana e Pixu (Karpova, min. 80).

Dépor ABANCA: Lucía, Cris Martínez, Inés Altamira, Raquel García, Samara, Paula García, Henar, Ainhoa Marín, Laura Fernández (Millene, min. 61), Charle (Sara Navarro, min. 77) e Carlota Suárez (Letti, min. 84).

Goles: 1-0 Baudet (min. 8); 1-1 Paula Guitérrez (min. 28); Samara -pp- (min. 66); 2-2 Carlota Suárez (min. 71).

Árbitra: González Vargas (c. andaluz). Amoestou a Millene (min. 74).

Incidencias: partido correspondente á 11ª xornada da Primera Federación FutFem disputado no campo principal da Cidade Deportiva Dani Jarque do RCD Espanyol de Barcelona.