RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Escudero sostén que é "moi importante quedar en Segunda División para seguir dándolle forma a este proxecto"

Sergio Escudero pasouse pola sala de prensa de Abegondo após recibir a alta médica e, por conseguinte, estar apto para competir.

Con ampla experiencia no fútbol de alto nivel, pide "acabar esta temporada o máis arriba posible, que é o mellor para o Club, para os xogadores, para #ANOSAFORZA, que estará orgullosa. Queda moito traballo por diante. Esta temporada era moi importante quedar en Segunda División para seguir dándolle forma a este proxecto, que se están facendo as cousas moi ben".

A nivel persoal, confesou sentir no seu regreso á competición "moita felicidade. Estou moi contento porque foron momentos duros o volver pasar polo mesmo. Todo é un ensino cando che pasa isto. Afronteino da mellor maneira posible, traballando duro e con moitas ganas de volver cos meus compañeiros".

O lateral deportivista conta que "desde que me pasou este verán volvinme a recuperar pero as sensacións non eran boas. Non sentía que o brazo me respondese ben á hora de agarrar, de chocar. Cando non che deixa competir a un nivel chégasche a frustrar. Os adestramentos, no canto de gozar, estaba a sufrir. Por iso tomamos a decisión e agora estou moi contento porque me atopo moi ben".

Recorda que nestas últimas semanas "estiven facendo moitas cousas co equipo. O unico que non podía era o tema de contacto ata que non me desen o alta. Esta semana empezaremos con iso e a ver que tal vai, pero fisicamente atópome ben. Espero axudar ao equipo canto antes".

Escudero afirma que nunca pensou en deixar o fútbol porque "vin con moitísima ilusión. Cando me pasou é certo que sempre é difícil afrontar de novo unha lesión do mesmo e máis nun cóbado que participa en moitas accións do xogo. É verdade que o pasei moi mal pero a decisión de operarme foi porque o que eu quería aquí era axudar ao máximo aos meus compañeiros. Como estaba, non o podía facer. E foi unha boa decisión porque agora me atopo moi ben, igual de ilusionado que cando cheguei a primeira vez".

Admite que houbo "un factor mental, de verche aí coa dor continuamente. Aínda con esa dor sempre que saio ao campo téntoo dar todo, tento traballar ao máximo, axudar ao máximo ao equipo en todo o que teño dentro. Espero que salga unha mellor versión de cando estiven a xogar".

Finalmente subliña que estes 3 meses fixo "unha minipretemporada. Non houbo un día que non deixase de traballar porque diso se trataba, que cando volvese ao grupo puidese estar o mellor posible. Agora vai ser o período de probar choques, caídas e demais. Espero poder axudar ao equipo dentro do campo nestas últimas xornadas que quedan".