RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Espe Pizarro na súa presentación: "O Club é ambicioso e quere ir por máis"

Esperanza Pizarro Pagalday (15 de abril de 2001, Uruguai) foi presentada como nova xogadora do Dépor ABANCA para a temporada 2025-26.

Kevin Cabado explicou que "ten unha traxectoria importante a pesar de ser moi nova. Foi unha xogadora destacada en Liga F na SD Eibar, internacional uruguaia cunha Copa América moi destacada este verán".

O responsable do Dépor ABANCA advirte que "pode xogar en calquera posición de ataque e vainos a sumar moitísimo esta temporada".

Pola súa banda, Espe Pizarro comezou a súa comparecencia ante os medios falando da súa lesión que a mantén á marxe do grupo: "Teño para varias semanas pero como toda lesión hai que ir vendo o progreso".

A nova atacante deportivista márcase como obxectivo "estar por encima dos 8 primeiros. É un obxectivo ambicioso pero tambien real. A nivel individual seguir co rendemento que puiden dar estas temporadas e na miña selección. E melloralo mesmo porque teño potencial e aquí vanme a dar as ferramentas para poder facelo. E nutrirme doutro fútbol. Veño de xogar de maneiras diferentes, un pouco máis directo; e o Dépor ABANCA ten outra idea que tamén me gusta. Quero aprender para poder dar máis rendemento aínda".

Cando lle presentaron o proxecto, deuse conta que "o Club é ambicioso e quere ir por máis. E vai achegar as ferramentas para lograr iso. Como a miña carreira quero que vaia en ascenso, é máis fácil cando as dúas partes buscamos o mesmo".

Espe Pizarro confesa que tomar a decisión de fichar foi "bastante rápida" e ve ao equipo "con xogadoras con moita calidade, que cada vez se adapta máis ao que pide o adestrador. Cando estás convencida de que o que fas vainos a levar ao obxectivo é fundamental. As primeiras dúas xornadas foron bastante positivas. Hai cousas para mellorar pero ir invictas é fundamental. O ano pasado o Dépor ABANCA non tivo esa realidade. Sumar sempre é importante e de aquí para adiante imos mostrar moito mellor aínda o que adestramos; e vai ser bonito para todos".