Espe Pizarro manifestou na sala de prensa do Dépor Training Center que "non eramos as mellores gañando 6-0 nin tampouco agora as peores encaixando 4. Pola miña banda estou moi tranquila. O equipo víñao facendo moi ben e non creo que (a derrota ante o Sevilla FC) fose un golpe tan duro para o equipo. Ninguén quere perder e menos por un resultado tan avultado pero estamos tranquilas. Sabemos que se seguimos traballando imos seguir mellorando".
A dianteira uruguaia afirma que durante a temporada "pasamos por distintos momentos. Nalgúns momentos miramos para un lado, noutros para outro. O mellor que podemos facer é saber que partidos non se nos poden escapar, apuntar a eses, obviamente gañalos e despois conseguir os máximos puntos contra os demais rivais, que nunca sabemos onde están os puntos".
A nivel persoal alégrase de "darlle continuidade por fin no Dépor ABANCA ao fútbol. Estou a xogar moitos minutos. Os números acompañaron durante febreiro. Non estou nin preto do máximo que podería dar pero estou a aproveitar o bo momento, o xogar que na primeira volta non o puiden facer".
Do partido deste sábado 21 de febreiro ás 12:00 (Dazn) en Buñol ante o Levante UD advirte que "non subestimaría a ningún rival. As segundas voltas en Liga F sempre son durísimas e os puntos escápanse en calquera rival en calquera momento. Temos que ir todas a unha. Se facemos as cousas ben nos podemos traer os puntos á Coruña".
Así pois, vaticina Espe Pizarro un rival "aguerrido sen dúbida, intenso porque saben que non se lle poden escapar os puntos" e ve no encontro "unha oportunidade para que nos asentemos dunha vez e gañemos os duelos directos. E leste é un".
