RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Euforía si, pero contida", advirte Dani Giménez, que hoxe "fixo un partidazo" para Sabin Merino

Dani Giménez, o mellor sen discusión hoxe en Albacete, e Sabin Merino pasáronse pola zona mixta do Estadio Carlos Belmonte.

O meta deportivista márchase contento "sobre todo pola vitoria. Parece que aos poucos a mala primeira volta, mesmo o partido da ida en ABANCA-RIAZOR que merecemos gañar, parece que aos poucos se vai devolvendo ese sufrimento. Seguimos sufrindo pero cando sofres e lévas os 3 puntos, o sabor é completamente diferente".

Explica que na acción do penalti "tentas ler un pouco a traxectoria. Tentei aguantarlle un pouco e vinlla. Outras veces engánante ou lle pegan arriba e non chegas. Cando ganas, despois de vir na situación na que estabamos, 3 puntos que serven para saír de aí, para que a xente siga crecendo, ten un pouco máis de valor".

Recalca que "cambiamos a forma de facer os penaltis na metodoloxía e estanos indo ben. Yván (Castillo, preparador de porteiros) prepáranos un dossier bastante grande. Fixámonos moito nos movementos dos xogadores e dámoslle importancia ao que pense o porteiro en cada momento. A temporada pasada tiñamos todo un pouco máis planificado. Agora, dentro dun plan establecido que temos os porteiros con Yván, xogamos a aguantar, a ler a traxectoria... Ao final os penaltis é unha lotaría. Hoxe saíu ben. A gozalo e a vivir esta vitoria que nos custou moito".

Admite que, após moitos anos no fútbol, "nunca pasara por unha situación tan crítica como a que tivemos na primeira volta. Agora a mentalidade é diferente: cando os rebotes antes ían para nosa portería agora metémolos; cando sufrimos e merecemos un empate, conseguimos os 3 puntos; cando o partido está complicado o equipo aguanta máis e saca o seu carácter. É totalmente diferente ao que vivimos os últimos meses. Aproveitar esta tendencia, que non cambie e sobre todo tentar ter un pouco máis de control dos partidos. Fóra de ABANCA-RIAZOR, na situación na que estamos, é complicado pero o equipo vai seguir crecendo".

Comprende o paso atrás que deu o equipo na segunda metade: "Cando te ves que podes gañar os 3 puntos, que podes seguir puntuando, que pode ser un partido importante para saír do pozo e estar preto deles, que teñen un partido menos pero estamos a 1 punto, empezas a pensar esas cousas e é difícil soltarte. Tes medo a pasar mal e que che pillen nunha contra. O Albacete é un equipo que fai moitos goles a balón parado e en contraataques. Controlámolo bastante ben. É certo que estivemos aí atrás demasiado, pero na situación na que estamos, é a maneira de gañar".

Dani Giménez apunta que "cando as cousas van ben, todo che favorece e cando van mal, todo sae mal. O rendemento individual vai ligado ao grupo. E o grupo vai ligado aos resultados. Todo te empuxa e todo te bota cara atrás. Temos un pasado que non pensamos nel. Pero nos minutos finais, cando o temos todo tan preto, non o queres perder e non xogas tan relaxado como poderiamos xogar cos xogadores que temos".

Pide cautela para o futuro: "Temos que ir etapa a etapa, cada domingo, cada partido. Facer unha base que nos sirva para crecer. Non o conseguimos pero agora esa solidez e esa solidariedade que teñen todos os xogadores está a valernos para conseguir estes puntos. Sen querer imos crendo máis en nós. Quédanos moitísimo para dominar, para ser un equipo dominador na categoría. Pensar en máis aló é ter bolboretas na cabeza".

Aínda que se alegra de saír do descenso, advirte que "temos que seguir así porque podes volver caer. Euforia si, pero contida. Todo o equipo, o Club, a afección leva sufridos moitos meses e hai que relaxarse e gozar. Non nos podemos permitir fallos. Ao final o que di o míster, hai que gañar tantos puntos, tanto número de partidos. Todo o que non sexa pensar niso é equivocarse".

Pola súa banda, Sabin Merino, goleador de novo esta tarde, conta que no gol, "o balón pégame á altura do abdome e sae unha vaselina perfecta".

O dianteiro deportivista recoñece que "hoxe o xogo non foi nada bo. Despois do gol metémonos demasiado atrás, algo que non nos axuda moito. Sufrimos e sacamos os 3 puntos que era o que importaba".

Goleador por terceiro partido consecutivo, Sabin Merino vaise na liga a "a miña primeira temporada co Athletic. Creo tiven un refacho que marquei 3 ou 4 goles seguidos. Non me acordo".

Aínda que recalca que "queremos xogar mellor, máis fluído, pero a día de hoxe creo que o primordial é o que estamos a facer, defender ben, non encaixar goles, estar sólidos, xuntos e a partir de aí chegan os resultados e aos poucos melloraremos de cara ao xogo".

Tamén rememora a acción de contragolpe na segunda metade que puido supor a puntilla ao partido: "Eles estaban moi envorcados. Dani viu que ía só en carreira. Púxome un saque perfecto coa man. Doulla en vantaxe a Claudio (Beauvue) para que poida facer o gol. Por circunstancias así é o fútbol. Ás veces as metes e outras veces non entran".

Destaca ademais a actuación de Dani Giménez: "O gol fai moito pero as paradas de Dani son fundamentais para que o equipo non encaixe. Fixo un partidazo e seguramente logramos a vitoria grazas a el".